A exposición ás altas temperaturas do verán e a escasa ventilación durante o desenvolvemento da nosa tarefa laboral afectan negativamente ao noso organismo. Ademais, a estes factores climáticos tamén se poden sumar outros riscos relacionados co tipo de tarefa que estamos a realizar e con factores individuais.
En concreto, a dificultade para conseguir auga fresca, a realización dun traballo físico intenso, as pausas de recuperación insuficientes poden aumentar o perigo de sufrir un golpe de calor. Tamén a idade, a condición física, a medicación ou a existencia de antecedentes inflúen á hora de padecer diversos efectos derivados da exposición a altas temperaturas, dende calambres, erupcións cutáneas, unha síncope, esgotamento ou golpes de calor.
Por isto, para protexer a nosa saúde e mellorar as condicións de traballo podemos levar a cabo unha serie de medidas preventivas. Máis polo miúdo, é preciso verificar as condicións meteorolóxicas de forma frecuente, limitar as tarefas pesadas, proporcionar auga potable, habilitar zonas de sombra, instalar ventiladores ou equipos de climatización, limitar o tempo ou intensidade de exposición ao sol, aumentar a frecuencia das pausas, vestir con roupa fresca e ampla, evitar o traballo individual e, no caso de traballos ao aire libre, utilizar protectores solares.
Pola súa banda, no caso de sufrir un golpe de calor temos que actuar rapidamente. É necesario colocar ao traballador nunha zona de sombra e ambiente frío, espilo e, se é posible, darlle unha ducha de auga fría, outra posibilidade é cubrirlle o corpo con toallas húmidas. Ademais, no caso de que a persoa afectada este consciente, debemos subministrarlle auga fría para beber, se está inconsciente o que temos que facer é colocalo en posición recostado sobre un lateral do seu corpo, coa cabeza lixeiramente ladeada, o brazo inferior atrás e estendido, o superior flexionado cara adiante e arriba, e as pernas flexionadas, máis a superior que a inferior. Finalmente, debemos contactar cun médico e, se é preciso, levar ao paciente ao hospital o máis pronto posible. Ás veces, as persoas vítimas dun golpe de calor poden precisar osíxeno, administración de suero ou medicación adecuada.