O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores
PERSOAS BENEFICIARIAS
- Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Non poderán ser persoas beneficiarias desta convocatoria de subvencións: a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro. b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
SOLICITUDES
Modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9, así como cumprir cos requisitos establecidos no artigo 2 das bases reguladoras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos dez (10) días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos cinco (5) meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
INFORMACIÓN AS PERSOAS INTERESADAS
Para obter documentación normalizada ou información adicional:
- Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: https://industriasculturais.xunta.gal
- Teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.
- No enderezo electrónico agadic@xunta.gal
- Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo: http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
- Para información xeneral no 012
RÉXIME E PRINCIPIOS DE XESTIÓN
- O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante o período dos tres anos previos á data da concesión.
- A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou calquera organismo dependente.
- En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.
FINANCIAMENTO, CONTÍAS MÁXIMAS E INTENSIDADE DAS AXUDAS
- O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 600.000 euros
- As persoas solicitantes poderán presentar solicitudes para máis dunha modalidade, pero a contía máxima total que poderán obter é de 15.000 euros. Para os efectos desta convocatoria, unha mesma compañía, artista ou grupo só poderá ser presentado por unha persoa solicitante.
PROXECTOS SUBVENCIONABLES. MODALIDADES E REQUISITOS
Artes escénicas.
Modalidade A.1. – empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de catro funcións en tres espazos escénicos distintos como mínimo e en ningún caso máis de catro no mesmo espazo escénico.
Modalidade A.2. Subvencións para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto exhibición de espectáculos en feiras ou festivais do sector das artes escénicas que se celebren fóra de Galicia.
Modalidade A.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.
Modalidade A.4. Subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución de espectáculos de artes escénicas pola Comunidade Autónoma de Galicia, cos seguintes requisitos:
- En espazos de titularidade pública, excluídos os espazos adheridos á Rede galega de teatros e auditorios, o número mínimo por proxecto será de cinco representacións e, en ningún caso, o mesmo espazo poderá acoller máis de tres representacións.
- b) En espazos de titularidade privada só se poderán considerar dúas representacións. Todas das representacións que conformen o proxecto terán que ter contraprestación económica, sexa mediante caché ou billeteira.
Música.
Modalidade B.1. Subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de catro concertos en tres espazos distintos, como mínimo, e en ningún caso máis de catro concertos no mesmo espazo.
Modalidade B.2. Subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto de exhibición de concertos en feiras ou festivais do sector da música que se celebren fóra de Galicia.
Modalidade B.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.
Requisitos: ademais dos requisitos xerais, as persoas solicitantes deberán ter en conta os seguintes requisitos segundo as modalidades:
Todas as actividades para as que se solicita subvención deben desenvolverse entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Son os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención.
Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria que abrangue desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024. A persoa beneficiaria deberá xustificar, en tempo e prazo, o custo total do proxecto presentado, isto é, todos os gastos efectuados imputables ao proxecto subvencionado que deberán concordar co descrito no orzamento de gasto do anexo III ou do anexo IV, segundo a modalidade a que se opte.
Para as modalidades A.1/A.2/A.3 e B.1./B.2/B.3: son gastos subvencionables:
- Gastos de transporte e desprazamento de todo o equipo artístico e técnico, quedando excluídos os desprazamentos dentro da cidade. No caso de representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución, serían gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra.
- Gastos de aloxamento e manutención
LÍMITES POR MODALIDADES
Nas modalidades A.1 e A.2 e B.1 y B.2 o límite da axuda será o equivalente ao contrato de distribución. Cando a contratación sexa a billeteira, o importe do contrato calcularase, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a empresa, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.
Nas modalidades A.3 e B.3, o límite máximo para percibir será 60 % dos custos totais, e a contía máxima de subvención será 2.000 euros por feira e de 8.000 euros anuais por entidade solicitante.
Nas modalidades A.1 e A.2 e B.1 e B.2 teranse en conta os seguintes límites máximos, para o cálculo da axuda: • Días máximos que se consideran para axudas para aloxamento e manutención:
– No caso de non ser representacións consecutivas en España e Portugal, 2 días; no resto de Europa 4 días, e no resto do mundo 5 días.
– No caso de representacións consecutivas os días das viaxes de ida e volta, os días de representación e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación.
Para a modalidade A.4 terán a consideración de gastos subvencionables só os gastos de persoal. Considéranse gastos de persoal os correspondentes aos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social), os días das representacións, cos seguintes límites: No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables por función son: Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.
Cachés ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.
Cachés de máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.
A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros, cun límite por entidade solicitante de 15.000 euros, sen que, en ningún caso, poida superarse o 100 % do caché. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.
- Non terán a consideración de gastos subvencionables:
- a) Os gastos administrativos ou de mantemento formal da empresas, como gastos de xestorías, notarías ou similares.
- b) Os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións vinculados ao proxecto, agás os considerados artísticos ou técnicos.
- c) Os gastos correspondentes á elaboración de materiais de difusión vinculados ao proxecto.
- d) Os gastos xerais nin calquera outro gasto non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Documentación xeral:
- Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
- Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberá presentar
- Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación
- Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un
- Compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.
- Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.
- Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude
Documentación específica:
Modalidade A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia):
- Ficha do proxecto e orzamento de gastos (anexo III).
- Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.
- Convite para representación promocional en feira.
Modalidade A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais e fóra de Galicia).
- Ficha do proxecto e orzamento de gastos (anexo III).
- Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado ou compromiso de inscrición mediante declaración asinada pola persoa solicitante no caso de non estar aberto o dito período. Deberá achegarse a dita inscrición posteriormente, no caso de ser subvencionado. 2.2.3. No seu caso, contrato ou declaración asinada pola persoa solicitante, da relación dos asistentes coa entidade.
- Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).
- Ficha de contratación e orzamento de gastos (anexo IV).
- Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.
OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS
- Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia.
- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
- Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección.
- Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade.
- Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención
PUBLICACION NO DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240422/AnuncioG1097-080424-0001_gl.pdf