A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento SI436A, SI436B E SI436C).

O Plan Corresponsables consiste no desenvolvemento de actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados e a formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados. Para así mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

A quen vai dirixido?

Establécense tres liñas de subvencións:

·         Liña do Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A). Poderán ser entidades beneficiarias desta liña os concellos mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

·         Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B). Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta liña de subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e as entidades do terceiro sector de acción social.

·         Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C).

Por unha banda, recoñécese o ámbito municipal como idóneo para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a través de medidas de conciliación incluídas no Plan Corresponsables. A finalidade é avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes.

Así mesmo, tamén é necesario desenvolver programas específicos de apoio á conciliación da vida familiar, laboral e persoal a través das entidades de iniciativa social, pola súa experiencia nestes programas e a súa proximidade e accesibilidade para moitas familias e o coñecemento e experiencia na xestión de programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tamén, o papel das familias para remover os estereotipos e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar a conciliación da vida familiar laboral e persoal é un fío condutor incluído no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021. Polo tanto a Secretaría Xeral da Igualdade insta as asociacións de nais e pais de alumnado dos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

Contía das axudas

As subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe de máis de 6 millóns de euros, distribuídos nas tres liñas da seguinte forma:

Liña do Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A):  4.492.273,79 euros

Liña do Plan Corresponsables para que o desenvolvan as entidades de iniciativa social (SI436B): 1.500.000 euros

Liña do Plan Corresponsables para que se desenvolvan as asociacións de nais e pais (SI436C): 700.000 euros

1. A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de formación recollidos, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos para cada procedemento:

–          Contía de ata 26.900,00 euros por persoa contratada a tempo completo, para o período desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022, período subvencionable segundo a presente resolución, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por período inferior ao ano completo.

2. A contía das axudas por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

– Mulleres maiores de 45 anos

– Mulleres vítimas de violencia de xénero

– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %

Actuacións subvencionables

1.       Actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

2.       As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais, mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

3.       Nos procesos de valoración de acceso aos servizos postos en marcha con cargo aos fondos recibidos deberán considerarse como criterios de valoración o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación neles.

4.       Serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:

o   Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade.

o   Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

5.       Subvencionaranse actuacións de nova creación ou ampliación e mellora das existentes.

6.       Subvencionaranse, así mesmo, as actuacións complementarias para dar a coñecer as medidas do Plan Corresponsables, como accións de difusión e información das actuacións recollidas no Plan Corresponsables e edición de material didáctico, xunto a actuacións de asesoramento, avaliación e estudo para a implantación das medidas do Plan Corresponsables.

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?