APE Galicia, coa colaboración económica da Xunta de Galicia, inicia este mes de outubro a segunda edición das xornadas en materia de Prevención de Riscos Laborais.
En concreto, este xoves día 5 de outubro desenvolverase a primeira: “Riscos psicosociais no traballo e acoso laboral” que será retransmitida en directo desde a sede de APE Galicia en horario de 10:00 a 11:30 aproximadamente. Esta primeira xornada busca sensibilizar e concienciar sobre a importancia de elaborar e establecer un plan de acoso laboral tal e como establece a vixente lexislación.
A seguinte acción, que será retransmitida o mércores 11 de outubro no mesmo horario, versará sobre “Os riscos ergonómicos e o teletraballo”, un tema moi de actualidade debido ao aumento desta modalidade e os seus derivados nas empresas durante os últimos anos. Aquí ofreceranse pautas e ferramentas para poder levalo a cabo sen que teña consecuencias na saúde tanto física como psíquica da persoa que o exerce.
Para finalizar, o venres día 20 do mesmo mes e seguindo co mesmo horario, terá lugar a última destas xornadas formativas: “Prevención de riscos laborais para persoas autónomas con e sen empregados” na que se pretende concienciar sobre a importancia de incorporar unha cultura enfocada na prevención e vixilancia da seguridade na contorna laboral.
Esta formación é só unha pequena parte do programa de sensibilización en Xestión e Prevención de Riscos Laborais que se levou a cabo na comunidade autónoma de Galicia. A través destas accións formativas búscase evitar ou diminuír na medida do posible os perigos derivados da actividade laboral e promover a seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras.
As persoas interesadas poden participar nestas xornadas facendo a inscrición en www.apegalicia.gal