Unha trintena de persoas asistiu hoxe á xornada formativa “Servizos de información e asistencia. Administracións Dixitais Integrais”, organizada pola Axencia Estatal de Administración Tributaria xunto con APE Galicia e o Colexio de Economistas de Pontevedra. Na presentación, que tivo lugar no salón de actos da delegación de Pontevedra, participaron José Ramon Caldas Martínez, presidente de APE Galicia, Diego Moledo Estévez, membro do Colexio de Economistas de Pontevedra, Imelda Capote Martín, delegada especial da AEAT de Galicia, e Pablo Meijide Doval, administrador da ADI de Vigo.

 

Máis polo miúdo, o obxecto da acción, que tivo como relatores a Pablo Meijide Doval e Imelda Capote Martín, foi dar a coñecer a existencia e o funcionamento das ferramentas de asistencia virtual e particularmente as Administracións Dixitais Integrais (ADIs) e o servizo de información que prestan, así como o servizo PRE303. Neste eido, Meijide Doval explicou que as ADI son un servizo virtual que presta información cualificada e personalizada aos cidadáns do territorio español, así como asistencia integral nos diferentes procedementos. “Nacen como unha forma de cambiar pouco a pouco do presencial ao virtual, que permite que calquera persoa poida contactar coa oficina sen necesidade de cita previa ou de acudir á mesma”, explicou o administrador da ADI de Vigo. “Este proceso acelerouse a raíz da pandemia”, engadiu.

 

“As ADI é o máis parecido á entrada da administración no metaverso”, sinalou Meijide Doval. Ademais, trátase dun servizo multicanle ao que podemos acceder a través de diferentes ferramentas como son, por exemplo, os asistentes virtuais, a través de email, chats, teléfono ou informa+. Respecto aos asistentes virtuais, Pablo Meijide destacou que ao redor de 200.000 contribuíntes ao mes son atendidos a través deste sistema. En canto ás ADI, “en marzo atendemos a 18.000 contribuíntes e en maio xa a 26.000, unha cifra que sube cada vez máis”, salientou o administrador da ADI.

 

En liñas xerais, o programa da xornada estivo centrado na análise das Administracións Dixitais das Administracións Dixitais Integrais coa resolución de dúbidas xerais e a posta en escena de exemplos prácticos sobre servizos especialmente relevantes para PEMES e persoas autónomas. Ademais, Meijide Doval e Capote Martín tamén explicaron as novidades e futuros escenarios do servizo PRE303, que se trata do novo sistema para presentar o modelo 303 dende hai máis dun ano.

 

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?