Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 da concesión de subvencións, pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (código de procedemento TR852A) e para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, de prevención de riscos laborais (código de procedemento TR852B).
Persoas Beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.1:
• As asociacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.2:
• As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
• Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.2:
• As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
• Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
Características da axuda
1. Os cursos propostos e os gastos que se deriven dos mesmos, que se detallarán no anexo III, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025, sen prexuízo do disposto no artigo 29.
2. Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica, poderán imputarse desde o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2025.
3. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo ao seguinte:
a) Gastos xerais de execución:
1º. Terán relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade (cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares) e de arrendamentos de aparellos e equipamentos.
2º. O período para imputar os gastos de publicidade será de catro (4) meses como máximo antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, un (1) mes como máximo despois do final de todas as actividades relativas aos cursos.
3º No caso de reedición de material de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver os cursos, só se subvencionará cando a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade, que en ningún caso poderá superar o 10 % das persoas participantes que iniciasen o curso.
b) Gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 17 desta orde.
c) Gastos de persoal técnico propio: A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 60 % do custo mensual laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade); no caso de que as persoas beneficiarias das actividades formativas superen os 800 participantes, a porcentaxe máxima de imputación será do 80 %.
Nas accións correspondentes aos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, na que será do 100 %, deberase ter en conta que o referido límite calcularase en función das nóminas do período que corresponda á actividade para realizar, non en función do custo total anual, e deberán especificarse as horas destinadas en cada acción, de acordo co seguinte:
1º. Para as accións relativas a cursos imputarase como máximo o gasto de catro (4) meses antes do inicio efectivo das accións e un (1) mes posterior ao seu final.
2º. De ter que achegarse gastos de persoal técnico propio vinculado á actividade subvencionable deberase indicar a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que realizará o persoal propio ou contratado.
d) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.
e) Gastos de axudas de custos do persoal técnico e docente: poderán ser por desprazamento coa contía máxima de 0,26 € por quilómetro.
f) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, entre outros, poderán imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións tendo en conta que:
• Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.
• Período máximo para imputar estes gastos, para as accións relativas aos cursos, na fase de planificación e organización será de catro (4) meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e un (1) mes posterior ao seu final. Para a fase de realización efectiva o período estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións. Os gastos de mensaxería cando sexan directamente derivados da xestión administrativa dos cursos de carácter presencial, poderán imputarse na súa totalidade, tendo a consideración de gastos directos.
g) Gastos específicos: poderán ser os das persoas docentes, alugueiro de aulas, os dos alugamentos de materiais de protección e seguridade e os de seguro de accidentes das persoas participantes, sempre que estean referidos ás datas efectivas do programa de acti vidades e quede acreditada a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante documento xustificativo ou certificación acreditativa de cada organización.
4. Admitirase o movemento entre partidas de gastos relacionados neste artigo na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, no caso de que se desexe unha porcentaxe superior, deberá solicitarse previamente, sendo potestade da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais a súa autorización ou denegación.
5. O cobro destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación. O importe da subvención en ningún
caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
6. Serán subvencionables os custos necesarios para a impartición en liña do curso e que se atopen debidamente xustificados.
Forma e prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Do 28/01/25 ao 28/02/25
Publicación no DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250127/AnuncioG0767-301224-0009_gl.pdf