A Xunta convoca axudas para fomentar a igualdade, a conciliación e a responsabilidade social nas empresas galegas
A Xunta de Galicia abriu unha nova convocatoria de subvencións dirixidas a impulsar a igualdade laboral, mellorar a conciliación e promover a responsabilidade social empresarial nas empresas galegas.
Estas axudas están dirixidas ás pequenas e medianas empresas (pemes) e ás persoas traballadoras autónomas que conten con persoal contratado, teñan domicilio social e centro de traballo en Galicia e estean validamente constituídas. Ademais, as entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitude para a Liña I, para a subliña 1 e a subliña 2 da Liña II e tamén para a Liña III.
A convocatoria estrutúrase en tres liñas principais. A Liña I (TR357C) está destinada a fomentar a igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral. A Liña II (TR357D) céntrase na mellora da conciliación nas empresas galegas mediante medidas que faciliten a compatibilidade entre a vida laboral e persoal. Pola súa banda, a Liña III (TR357B) ten como obxectivo impulsar a responsabilidade social empresarial nas pemes e nas persoas autónomas con persoal contratado.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o 19 de febreiro de 2026 ás 00:00 horas ata o 18 de marzo de 2026 ás 23:59 horas.
https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=TR357B
https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=TR357C
https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=TR357D