O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025 dos incentivos á contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou por persoas profesionais con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de promover a consolidación do emprego autónomo (código de procedemento TR349F). Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:
1. Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
2. Bono de formación (opcional), por medio do cal se proporcionará unha subvención para accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

Persoas Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

Accións subvencionables
a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas conforme o concepto definido no artigo 5.1 desta orde.
b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as dúas datas incluídas.
c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.d) Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.
2. A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos-descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo-descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.
3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial; neste último caso para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
4. Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.
I. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.
II. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas.
De non existir persoas contratadas no momento previo á nova contratación indefinida, entenderase sempre como primeira contratación.

Prazo de presentación
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.

Publicación no DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250117/AnuncioG0767-271224-0011_gl.pdf

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?