Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2024‑2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axustándose as axudas concedidas no marco da presente orde ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado

ENTIDADES BENEFICIARIAS

Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluída a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluídas as competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promover, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia postvenda, xestión de reclamacións, etc.) e á atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluída a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

3. As accións formativas solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do catálogo ponse ao dispor nas seguintes ligazóns:

https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento

https://sede.sepe.gob.es/foet_catalogo_eeff_sede/flows/buscarMisPropuestas?execution=e1s1

4. Ao abeiro da presente convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que como máximo poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro da presente orde non terá ningún custo para a persoa participante.

5. Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderase impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante «aula virtual». Para estes efectos considérase aula virtual á contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

A impartición da formación mediante aula virtual débese estruturar e organizar de forma que se garanta en todo momento que exista conectividade sincronizada entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións. Cando a formación se desenvolva mediante aula virtual, esta deberá contar cun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada acción formativa desenvolta a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e os tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de realización da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control que procedan.

Para a impartición en aula virtual deberá empregarse o Campus Virtual de Formación para o Emprego que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon ao dispor. En todo caso, as persoas participantes deberán dispor dos medios técnicos necesarios e adecuados para poderen asistir con aproveitamento á actividade e para estes efectos deberán dispor de micrófono e cámara web que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo da acción formativa.

Non poderán impartirse en aula virtual aqueles contidos que requiran a utilización de espazos, instalacións e/ou equipamento para a adquisición de destrezas prácticas.

6. O control de asistencia realizarase do seguinte xeito: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora da entrada e da saída da acción formativa, así como pola persoa representante da entidade conforme o modelo de acta de asistencia que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. No caso de facer uso da aula virtual, a Consellería comprobará ademais o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego correspondentes aos días da acción formativa. As actas de asistencia de todas as accións formativas remitiranse xunto coa xustificación final para a liquidación da subvención, tal e como se establece no artigo 28.3.f) desta orde.

7. As actividades formativas poderán conter módulos de aprendizaxe baseados na experiencia a través de xornadas de intercambio de boas prácticas, estancias temporais, visitas, formación in company e sesións de mentoring con empresas ou profesionais que sexan referentes ou constitúan un caso de éxito na aplicación dos coñecementos e/ou técnicas a que se refire a actividade formativa. Do mesmo xeito poderase incluír como módulo práctico, cuxa duración máxima subvencionable non superará as catro horas, a asistencia a feiras, congresos e exposicións vinculadas coa temática obxecto da formación; para os efectos do control de asistencia nestes supostos será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante xunto cunha declaración responsable da persoa participante conforme participou nesa actividade e, achegando, se é o caso, os datos de inscrición na actividade.

8. A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos. Deberá realizarse como mínimo unha proba por cada 8 horas, cando a duración da acción formativa sexa inferior a 24 horas, e cada 16 horas cando a duración da acción formativa sexa igual ou superior a 24 horas.

9. As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado sempre que cumpran o requisito de asistir como mínimo ao 80 % do total de horas da acción formativa e ter realizadas as probas de coñecemento correspondentes.

10. Non estarán incluídas dentro do obxecto da presente orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou profesionais autónomos/as por contrato ou convenio colectivo.

11. A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias e en ningún caso as entidades beneficiarias poderán cobrala por calquera concepto.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

O prazo para a presentación das solicitudes iníciase o día 26 de xuño ata o 16 de setembro de 2024.

PUBLICACION EN DOG

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240625/AnuncioG0767-130624-0001_gl.html

 

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?