Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias. Requisitos

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán dispor dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

Requisitos dos servizos que se vaian prestar

1. Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.

c) Que se presten ou se executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2021.

e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.

f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

Con tal finalidade, achegarase xunto coa solicitude unha certificación asinada polo secretario ou persoa habilitada para o efecto pola entidade en que se indique na data de publicación da presente orde, as persoas que ocupen os ditos cargos (nome, apelidos e DNI), xunto co compromiso de comunicar no prazo de dez días hábiles seguintes calquera cambio de nomeamentos que, neses órganos, se produza con posterioridade.

2. Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:

a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico.

b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.

c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.

Conceptos subvencionables

1. A subvención cobre os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

2. En ningún caso serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

b) Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.

d) As horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.

e) Custos salariais en caso de baixas temporais.

3. No suposto de baixas temporais:

a) No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

b) No caso de que non se substitúa a persoa traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa.

4. No suposto de reducións da xornada laboral:

a) No caso de contratar unha persoa traballadora adicional, só serán subvencionables os custos ata completar a redución da xornada. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

b) No caso de que non se contrate unha persoa traballadora adicional para completar o período subvencionado, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes á redución da xornada.

Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala:

– Para o grupo de cotización 1: 2.710,00 €.

– Para o grupo de cotización 2: 2.059,00 €

– Para o grupo de cotización 3: 1.935,00 €.

– Para o grupo de cotización 4: 1.897,00 €.

– Para o grupo de cotización 5: 1.756,00 €.

– Para o grupo de cotización 6: 1.732,00 €.

– Para o grupo de cotización 7: 1.637,00 €.

– Para o grupo de cotización 8: 1.576,00 €.

– Para o grupo de cotización 9: 1.533,00 €.

– Para o grupo de cotización 10: 1.488,00 €

3. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.

4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada que reúna os requisitos para percibila.

5. Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares:

a) Entidades con proxectos singulares: máximo 9. Este máximo poderá ampliarse ata 14 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (desde a persoa 10ª ata a 14ª, é dicir, un máximo de 5 persoas cofinanciadas pola entidade, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses), establecido no punto 2 deste artigo.

b) Autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 6. Este máximo poderá ampliarse ata 8 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (a 7ª e a 8ª persoa, é dicir, un máximo de 2 persoas cofinanciadas pola entidade, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses), establecido no punto 2 deste artigo.

c) Autonómico que non cumpra os criterios da alínea

b): máximo 4. d) Provincial con 3 ou máis centros de traballo: máximo 4.

e) Provincial que non cumpra os criterios da alínea

d): máximo 3.

f) Comarcal ou municipal: máximo 2.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

7. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Normativa

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210819/AnuncioG0599-060821-0007_gl.pdf

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?