Este luns, o Goberno aplicou, finalmente, a subida no pago mensual dos autónomos, a pesar das peticións de aprazamento do acordo pechado en 2018, cando a economía crecía ao 3% e hoxe apunta a un esborralle do 12%, debido á crise xurdida polo Covid-19.
Este incremento supón entre 6 e 24 euros máis con respecto á cota de setembro, xa que a cota mínima mensual subirá de 283 a 289 euros e a máxima de 1.208,90 a 1.245,40. En concreto, os tipos de cotización por cesamento de actividade subirán do 0,7% do 2019 ao 0,8% no 2020 e o 0,9% no 2021. Sobre os de continxencias profesionais, pasa do 0,9% do 2019 ao 1,1% do 2020 e o 1,3% do 2021.
A subida chega nunha situación difícil para o colectivo xa que, segundo o Barómetro Situación Autónomos de novembro que presentou a Asociación de Autónomos (ATA), prevese unha perda conxunta deste ano maior a 60.000 millóns de euros, sobre todo no sector dos eventos, lecer (lecer infantil, nocturno, cultura e espectáculos) e no comercio.
“Avecíñase un desastre para autónomos, empresas e traballadores se non se acompaña dun plan urxente de medidas económicas”, afirmou o presidente de ATA, Lorenzo Amor, ao presentar estas cifras, na que tamén cabe destacar que un de cada dez autónomos considera que vai ter que pechar o seu negocio, o que afecta a uns 300.000.