O 70% das persoas autónomas lanzáronse ao autoemprego por necesidade e non por verdadeira vocación de traballar por conta propia, de feito 6 de cada 10 dos enquisados preferirían ter un traballo por conta allea que lles proporcionase maior tranquilidade. Así o asegura a XXV edición do “Informe Infoempleo Adecco: Oferta y demanda del Empleo en España”, que analiza en profundidade a situación do emprego no noso país.
A pesares desta conclusión, a metade das persoas autónomas consultadas (un 50,45%) destaca que é máis feliz dende que deu o paso de traballar de maneira independente. Neste senso, os enquisados consideran que ser autónomo ten múltiples vantaxes coma ser o seu propio/a xefe/a, poder establecer os seus propios horarios de traballo, maior liberdade e a posibilidade de traballar naquilo que máis lles gusta.
Malia isto, as xornadas laborais das persoas autónomas no noso país adoitan ser intensas, de feito, un 36,14% afirma que traballa entre 8 e 10 horas diarias e un 18,86% di que a súa xornada laboral é de máis de 10 horas ao día. Ademais, en canto aos descansos semanais os datos tampouco son moi optimistas, o 66,82% dos participantes na enquisa asegura que traballa de cinco a seis días semanais e o 25,23% explica que a súa xornada laboral se estende aos 7 días da semana.
Cobra sentido tras obter estes datos que un 57,95% dos autónomos non considera viable implementar unha semana laboral de catro días, alegando como principais motivos a falta de beneficio para manter os salarios con mellor xornada, a perda de produtividade ou a non ter opcións de cubrir a quinta xornada con outros empregados.
Doutra banda, facerse autónomo e poñer en marcha o teu propio negocio leva consigo un risco económico e un desembolso de diñeiro considerable. Neste eido, o 70% das persoas autónomas que participaron na enquisa sinalou que utilizou os seus propios aforros para poñer en marcha o seu negocio, un 23,86% tivo que pedir cartos a súa familia e amigos, un 23,18% solicitou préstamos bancarios e o 14,77% capitalizou a súa prestación de desemprego. Tan só o 12,7% recorreu a axudas e subvencións.
Contratación
En materia de contratación os datos amosan unha clara tendencia ao estancamento, xa que ata o 92,05% dos autónomos non teñen pensado contratar a ninguén durante o presente ano. Isto débese, segundo as respostas das persoas enquisadas, a que non o necesitan (50,91%), a que a actividade está en recesión (26,82%), por un exceso de costes (12,73%) ou polos malos resultados obtidos durante o ano anterior (1,59%).
En canto aos despidos, o 86,82% dos enquisados salientou que non botou a ningún empregado fronte a un 8,87% que si o fixo.
Principais problemas das persoas autónomas
Entre as principais preocupacións ás que deben facer fronte as persoas autónomas, o 50,91% dos participantes no informe destacan as elevadas cargas sociais e administrativas, o 54,09% sinala a alta fiscalidade á que se ven sometidos. Pola súa banda, tamén destacan entre os seus problemas a dificultade para conseguir clientes e a competencia desleal que provoca a economía sumerxida, que está cada día máis en alza por diversos factores como as dificultades económicas.
Datos de persoas autónomas en Galicia
Os traballadores por conta propia en Galicia tampouco están a pasar polo seu mellor momento. Segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións no que vai de ano a nosa comunidade perdeu 789 traballadores autónomos. En concreto, o mes de decembro de 2021 pechou cun total de 208.809 afiliados no réxime de autónomos e as últimas cifras publicados polo Goberno amosan que este colectivo rematou o mes de xullo cun total de 208.020 integrantes. Estes datos supoñen, de media, unha perda de aproximadamente 100 persoas traballadoras autónomas ao mes en Galicia.
Cambio de modelo de cotización
Doutra banda, avecíñase un cambio moi significativo para todas as persoas traballadoras autónomas, o Congreso dos Deputados vén de aprobar o novo sistema de cotización, reformando desta maneira o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). Con este cambio, que está previsto que entre en funcionamento a partir do mes de xaneiro do 2023, os traballadores por conta propia cotizarán en función dos seus rendementos netos e non haberá unha cota fixa.
Máis polo miúdo, o novo modelo aplicarase de forma progresiva para ir avaliando o seu efecto, revisarase cada 3 anos ata o 2032 e terá un total de 15 tramos con diferentes cotas que irán variando ao longo dos nove anos de aplicación. No vindeiro ano, a cota mínima será de 230 euros para aquelas persoas con menores ingresos e a máxima de 500 euros para os autónomos cos ingresos máis altos.
(Ver táboa 1)
Ademais, seguirá existindo a cota reducida para aquelas persoas autónomas que inicien a súa actividade, o que ata o de agora se denominaba tarifa plana, o importe será de 80 euros ao mes durante 12 meses.
No que se refire á base de cotización, as persoas autónomas poderán elixir entre aquela mínima ou máxima que estea comprendida no seu tramos de ingresos.
(Ver táboa 2)
En definitiva, esta reforma pretende que as aportacións económicas por parte das persoas autónomas se faga dunha forma máis igualitaria e xusta, tendo en conta a situación e os ingresos reais de cada persoa, e que supón o inicio dun traballo realizado durante meses.