O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña e a conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, mantiveron un encontro de traballo coa Mesa negociadora da hostalería de Galicia, composta por representantes das asociacións provinciais do sector, para avanzar nun novo Plan de Rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros afectados pola restricións sanitarias para frear a propagación do coronavirus.

Este segundo Plan terá unhas características similares ao da primeira convocatoria que xa completou case o 80% dos pagos a máis de 30.500 solicitantes que cumpriron cos requisitos, pero está previsto simplificar os requisitos para que o acceso ás axudas sexa aínda máis doado e eficaz, coa intención de cubrir as necesidades dos sectores máis afectados polas restricións segundo as previsións da autoridade sanitaria.

A Xunta trasladou aos representantes o compromiso de seguir ao carón dos sectores que máis están a sufrir as consecuencias desta pandemia, e no que se refire concretamente á hostalería, máis de 14.700 negocios deste sector recibiron ata o de agora apoio económico directo da Xunta a través das tres liñas incluídas no Plan de Rescate, por valor de 23,7 millóns de euros, o que supón que un 70% dos hostaleiros galegos tiveron acceso ás primeiras axudas establecidas pola Xunta para facer fronte á crise económica e as restricións efectuadas por recomendación sanitaria.

Aínda que a Xunta de Galicia foi a responsable de inxectar liquidez ao primeiro Plan de Rescate, para unha segunda actuación faise necesaria a implicación de todas as adminstracións polo que, tanto o Goberno galego como os representantes da hostalería, propuxeron abrir unha tripla fronte para paliar o impacto económico das restricións mediante un fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta de Galicia, deputacións e os grandes concellos para salvar do peche ás empresas e autónomos da nosa comunidade, seguindo o modelo da comunidade autónoma de Valencia, onde a Generalitat achegará o 50% do devandito fondo, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?