A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, convocou hoxe pola tarde unha nova reunión da Mesa de Emprego Autónomo á que asistiron o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas e a secretaria técnica executiva, Sonia Acuña Pazos, para presentar as bases do III Plan de Rescate da Xunta de Galicia dirixido a persoas traballadoras autónomas e empresas.
Tamén estiveron presentes a directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca Carús; e os representantes de ATA Galicia, Álvaro Viqueira e Rafael Granados, e de Agtamar UPTA, Eduardo Abad, que tamén forman parte da Mesa do Emprego Autónomo xunto con APE Galicia.
Neste terceiro Plan de Rescate, o obxectivo é o de protexer o tecido produtivo e apoiar o mantemento da actividade económica e o emprego mediante a solvencia e a redución do endebedamento.
Nesta xuntanza, a directora xeral de Emprego presentou as liñas de actuación deste plan para poder traballar sobre elas e continuar apoiando a estes sectores tan importantes para a recuperación da economía galega, sobre todo tendo en conta que a súa situación segue sendo crítica pola crise sanitaria do Covid-19.
En próximas reunións de traballo, coa colaboración e aportacións de todos os axentes implicados, desenvolveránse as estratexias que marcarán este novo Programa de Rescate co que se pretenderá protexer ao sector e ao emprego.