Os avances no Terceiro Plan de Rescate da Xunta de Galicia foi o tema central dunha nova reunión coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, á que asistiron o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, e a secretaria técnica executiva, Sonia Acuña Pazos.
Neste encontro celebrado por videoconferencia, no que tamén estiveron presentes os representantes de ATA Galicia, Álvaro Viqueira e Rafael Granados, e de Agtamar UPTA, Eduardo Abad; a conselleira de Emprego asegurou que están á espera de que o Goberno central transfira os 234 millóns de euros que lle corresponden a Galicia para poder activar este terceiro plan de axudas para persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas.
O obxectivo é que nesta edición todos os sectores afectados pola pandemia e que amosen unha perda de facturación, poidan acceder ás axudas e non se limite as actividades, facendo un procedemento semellante aos dous plans de rescate anteriores, co que se evitaría o mecanismo que ten establecido o Estado coa esixencia de xustificacións previas moi complexas que poden retrasar moito o pago do importe final.
Nas próximas semanas, APE Galicia espera poder dar información máis detallada sobre este III Plan de Rescate.