A Xunta de Galicia aínda ten vixentes diversas subvencións de interese para autónomos, empresas ou cooperativas. Concretamente, no mes de setembro, o día 8 remata o prazo de solicitudes das subvencións para implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022 (código de procedemento IG300F). Días despois, o 15 de setembro remata o prazo de solicitudes para a implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022 (código de procedemento IG300G). Pola súa banda, o día 19 remata o prazo de solicitude de entidades colaboradoras que participarán na promoción da contratación e instalación das conexións, no marco das subvencións do programa de emisión de Bonos Dixitais para colectivos vulnerables, programa Único-Bono Social (código de procedemento AP400B).
Xa de cara a finais de mes, o día 30 de setembro, son máis de dez subvencións as que pechan os seus prazos de solicitude. En primeiro lugar, temos o programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen relevo xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa exerceran unha actividade económica (código de procedemento TR802R). Pola súa banda, tamén remata o prazo do programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social para apoiar as entidades e reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia con especial incidencia na transformación dixital (código de procedemento TR802L). Doutra banda, tamén finaliza o día 30 a tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pemes, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o IGAPE, as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (código de procedemento IG535A).
Tamén o día 30 de setembro nos atopamos co peche das solicitudes para as subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para facilitar un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego ás persoas menores de 30 anos, facilitando así a inserción laboral das persoas novas, o chamado Programa Talento 30 (código de procedemento TR353C). As subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas a Galicia pechan o seu prazo de solicitude a finais de setembro (código de procedemento PR937A). Pola súa banda, tamén remata o prazo para solicitar os incentivos a empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT Programa II (código de procedemento TR340E). No caso do programa de incentivos á contratación por conta allea e á formación tamén pecha o prazo de presentación de solicitudes o 30 de setembro (código de procedemento TR342C). Por outro lado, o programa II: Emprego con apoio, que consiste en subvencionar un conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en risco de excusión socia, tamén pecha a recepción de solicitudes a finais do vindeiro mes (código de procedemento TR342A).
No que respecta ás axudas para o fomento do emprendemento en economía social, tanto para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais coma no fomento de acceso á condición de persoa socia, remata o prazo de solicitudes o día 30 de setembro (códigos de procedemento TR802G/TR802J). Doutra banda, rematará ese mesmo día o prazo de solicitudes para axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas (código de procedemento TR341R). Tamén se poden solicitar ata finais de setembro as subvencións a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas (código de procedemento TR349F). Tamén temos o remate de prazo para solicitar o programa I de promoción do emprego autónomo, que consiste na concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia (código de procedemento TR341D).
O programa Muller 2022 para a contratación de mulleres desempregadas que presenten dificultades para acceder ao mercado laboral tamén pecha o prazo de solicitudes o día 30 de setembro (código TR770A). E, por último no mes de setembro, tamén ese mesmo día remata o prazo de solicitudes para as axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de inversión empresarial, tanto para proxectos de inversión empresarial xerais, coma no sector do aloxamento coma proxectos de inversión en equipamento produtivo (código de procedemento IG408A).
Ata o mes de outubro aínda temos vixentes algunhas axudas como son as subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servicios (código IN417Y), ou o programa Nova Oportunidade para as persoas traballadoras autónomas (código TR790A).
E, ademais, ata o 30 de decembro aínda se poderán solicitar os préstamos directos para a financiación empresaria en Galicia (código IG408B).