Hoxe saiu publicado no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marca do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 – Galicia Emprende, con código de procedemento IG406F.
O obxecto desta subvención é a de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta como na demanda.
Os beneficiarios serán persoas autónomoas e as pequenas empresas, que teñan na data da solicitude da axuda, menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade, entendéndose como incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.
No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tiveran actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento. Se a entidade non está aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física.
Se o caso e unha sucesión de empresa, considerarase actividade emprendedora a realización da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora inter vivos ou mortis causa sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases para ser considerada persoa emprendedora. Nestes casos, os 42 meses de antigüidade contaranse dende a asunción efectiva da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora, o que deberá acreditar documentalmente o/a solicitante.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da pesca e da acuicultura, da produción agrícola primaria, do aceiro, do carbón, da construción naval, das fibras sintéticas, do transporte, da produción e distribución de enerxía e das infraestruturas enerxéticas.
Para os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non deben ter máis de 42 meses de antigüidade dende a data de inicio da súa actividade.
En cambio, para proxectos de reemprendemento, cando as persoas traballadoras autónomas estiveran de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á devandita baixa.
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.
b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación. Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas.
c) Deben desenvolverse en Galicia
d) A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado, polo que tense que presentar antes do comezo do proxecto. Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
O orzamento designado para este programa é de 5 millóns de euros, distribuidos plurianualmente en 500.000 euros en 2021 y 4.500.000 euros en 2022. A subvención a fondo perdido será do 80% dos custos subvencionables ata un máximo de 400.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes para esta subvención en réxime de concorrencia competitiva será de 45 días naturais desde o día seguinte á data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia
Deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través da web http://www.tramita.igape.es, cubrindo previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención.
Os interesados poderán presentar máis de unha solicitude de axuda sempre que sexa para proxectos diferentes. Non obstante, no caso de que todas elas foran concedidas, o importe total de axuda para cada interesado non poderá superar o máximo de axuda de 400.000 euros.
Máis información
Teléfono
900 81 51 51 / 981 54 11 47
Páxina web
Correo electrónico
informa@igape.es
NORMATIVA
RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210108/AnuncioO92-171220-0001_gl.html
EXTRACTO da Resolución do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210108/AnuncioO92-171220-0002_gl.html