No DOG de hoxe se publica a resolución do 29 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Talento Sénior), e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 109 do 11 de xuño de 2019).
OBXECTO
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación non universitarios en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de 3 anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN858A).
3. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaránse ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido. En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.
Actividades subvencionables:
1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de outubro de 2019, ambas incluídas, coas seguintes características:
a) As actividades de I+D+i que realice o persoal de alta cualificación contratado deberán desenvolverse en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (anexo IV).
b) O contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 36 meses.
c) A retribución salarial anual bruta que vaia percibir cada profesional de alta cualificación contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 40.000 euros.
d) O persoal de alta cualificación contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:
1º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións: título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico expedido por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados. No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación.
2º. Ter experiencia laboral correspondente á súa titulación superior a 5 anos no grupo de cotización 1 e/ou 2 e certificados das entidades en que traballou en proxectos de I+D+i. No caso de persoal de alta cualificación estranxeiro admitiranse certificados de empresa.
3º. No caso de profesionais de alta cualificación estranxeiros a entidade de acollida, comprometerase a axudar aos profesionais nos trámites de visado e permiso de traballo. O contrato será efectivo solo cando o persoal de alta cualificación seleccionado poida traballar legalmente en España.
4º. Non ter sido anteriormente contratado na categoría profesional correspondente á súa titulación (grupos 1 ou 2) entre o 1 de xuño de 2017 e o 1 de xaneiro de 2019 pola entidade solicitante ou empresas vinculadas.
2. A selección e contratación dos profesionais de alta cualificación, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos non universitarios ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.
OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.
b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.
c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.
g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles corresponda e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. O dito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.
h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.
i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. As ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.
j) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i en que estea implicado o persoal de alta cualificación, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe. O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.
k) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo ao persoal de alta cualificación contratado durante un período de 3 anos contados desde a data de realización da contratación.
l) Para os efectos de xustificación da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación no prazo dun mes contado desde o transcurso do período de 3 anos:
– Copia das nóminas aboadas ao persoal alta cualificación contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mais os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan destes.
– Copia da vida laboral actualizada do persoal de alta cualificación contratado.
– Memoria final das actividades de I+D+i ou plan de traballo realizada polo persoal de alta cualificación contratado.
m) Subministrar á administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
n) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.
REQUISITOS
Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
A ONDE ACUDIR
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
ÁREA DE CENTROS
R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957000 / 981957012
Email: centros.gain@xunta.gal
ÓRGANO RESPONSABLE
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
PRAZO
Prazo de presentación: PECHADO, 12/06/2019 – 12/08/2019.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
RESOLUCIÓN
Prazo de resolución: un mes.
Sentido do silencio: negativo.
ENLACE Á NORMATIVA
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190611/AnuncioG0198-290519-0001_gl.html
ENLACE Á SEDE ELECTRÓNICA DO PROCEDEMENTO