PROGRAMA EXTRAORDINARIO DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS E MICROEMPRESAS CON ACTIVIDADES ESPECIALMENTE PARALIZADAS POLA CRISE DA COVID-19 (código de procedemento TR760A)
DOG Núm. 85 do 3 de maio de 2022
1. Obxecto.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas pola crise da COVID-19, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.
3. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2022.
2. Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia, as comunidades de bens ou sociedades civís, as microempresas e os mutualistas, sempre que estean de alta ou en situación asimilada, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, que tivesen unha alta anterior ao 1 de xaneiro de 2019 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 65 % nos termos estabecidos nos requisitos específicos.
Considerarase microempresa para efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez traballadores e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que estean de alta no momento da presentación da súa solicitude e estivesen de alta un mínimo de catro (4) meses e un máximo de nove (9) meses no ano 2019.
3. Unicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física ou xurídica.
4. Quedan excluídas desta orde as actividades en que convocaron axudas de xeito específico as consellerías da Xunta de Galicia competentes por razón da materia, entre outras, axudas para hostalaría, hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais coma orquestras.
Exceptúanse do indicado no parágrafo anterior aquelas persoas beneficiarias que desenvolvan a súa actividade sen teren establecemento permanente aberto ao público.
5. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 65 % comparando o ano 2019 co ano 2021.
6. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
7. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos espeíficos establecidos nesta orde.
3. Requisitos específicos das persoas beneficiarias.
Os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria son os que se indican no modelo de solicitude (anexo I), no que vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:
– Que está de alta ou situación asimilada no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA, ou na mutualidade correspondente) ou que é unha persoa autónoma de tempada que está de alta no momento da solicitude.
– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.
– CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) da actividade pola cal solicita a axuda.
– A baixada de facturación de, polo menos, un 65 % no ano 2021 en comparación co ano 2019.
– Que facturou un mínimo de 4.000 euros no ano 2019, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 11.1.b) desta orde.
– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.
– Declaración de calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da comunicación da Comisión Marco Temporal relativa ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19, recibise durante o exercicio fiscal en curso.
– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise o 31 de decembro de 2019.
– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.
– Que, coa presentación desta solicitude, acepta a subvención.
4. Importe das axudas.
O importe das axudas está en función da facturación que se acredite no ano 2019 e conforme a seguinte táboa:
– Facturación superior a 30.000 €: 12.000 €.
– Facturación superior a 20.000 € e ata 30.000 €: 8.000 €.
– Facturación superior a 12.000 € e ata 20.000 €: 6.000 €.
– Facturación superior a 8.000 € e ata 12.000 €: 4.000 €.
– Facturación superior a 5.000 € e ata 8.000 €: 2.000 €.
– Facturación igual ou superior a 4.000 € e ata 5.000 €: 1.000 €.
Para os autónomos de tempada, os importes reduciranse ao 50 %.
5. Prazo de presentación de solicitudes.
Do 4 de maio ao 3 de xuño de 2022.
6. Normativa e documentación.
Orde das bases e convocatoria:
Diario Oficial de Galicia (DOG Núm. 85, do 3 de maio de 2022)
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220503/AnuncioG0599-290422-0001_gl.html
Sede Electrónica. Solicitude e información:
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR760A&ano=2022&numpub=1&lang=gl
Información relativa á orde de convocatoria
Sobre esta orde de axudas poderase obter información a través dos seguintes medios:
a) Páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade – empregoeigualdade.xunta.gal
b) Páxina web da Oficina do Autónomo – oficinadoautonomo.gal