O presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, acompañado pola secretaria técnica da asociación, Sonia Acuña, foron recibidos esta mañá no Concello de Marín  polos concelleiros Cristina Acuña e Manuel Santos xunto co tesoureiro de Acemas, Manuel Solla, para presentar o taller online “Dixitalízate” que comeza hoxe ás 20:30 horas.

Dirixida ás persoas traballadoras autónomas e empregadas con negocios en Marín, esta formación será levada a cabo pola content creator e CEO de Paso a Paso Agency, Natalia Maquieira (@pasoapasoblog), que ten máis de 10 anos de experiencia e está especializada en comunicación dixital para marcas nos sectores de moda, beleza e lifestyle.

Tanto o Concello de Marín como APE Galicia, e ACEMAS consideran que a dixitalización na economía local e fundamental para ser competitivos, e saber comunicar e aproveitar as redes sociais nos negocios desta localidade como canle de vendas pode ser un primeiro paso.

Ao longo deste y do vindeiro mes de maio, as persoas traballadoras autónomas e emprendedoras do concello de Marín aprenderán a utilizar as ferramentas e coñecementos básicos para que a imaxen online dos seus negocios mellore notablemente e, polo tanto, poidan atraer a máis clientes.

Este obradoiro celebrarase a través de Zoom de 20.30 a 22.30 horas, os luns, mércores e xoves  desde hoxe ata o próximo 18 de maio.

Durante o mes de maio, organizarase un curso de escaparatismo y visual merchandising, impartido por  Cany Juncal. Neste caso, a profesional visitará algúns dos negocios do concello, previa inscrición no programa, para de forma personalizada asesorar sobre como captar a atención do cliente mediante unha boa organización e distribución do produto, ademais da decoración e deseño dos escaparates de tal modo que capten a atención dos usuarios coa finalidade de incrementar as vendas e mellorar a imaxe da marca. O prazo de inscrición para este taller será a partir de 10 de maio na páxina web de APE Galicia, e farase difusión do mesmo a través de Marín en Rede, un espazo que este concello adica a potenciar a visibilidade do seu comercio e hostalería locais.