Convocadas axudas para apoiar investimentos das entidades galegas no exterior
A Xunta de Galicia convocou unha nova liña de subvencións destinada a apoiar investimentos en obras, instalacións e equipamentos das entidades galegas situadas fóra da comunidade autónoma, co obxectivo de favorecer o seu funcionamento e a promoción da cultura galega no exterior.
Estas axudas están dirixidas ás entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade que acrediten a súa vinculación coa cultura e coa vida galega fóra de Galicia. No caso das federacións de comunidades ou entidades, deberán contar cun local social diferenciado do das entidades asociadas.
A convocatoria estrutúrase en dous programas. O Programa A está orientado a financiar obras, adquisición de instalacións e actuacións de conservación do patrimonio cultural das entidades. Pola súa banda, o Programa B destínase á mellora das dotacións e á adquisición de equipamentos de carácter inventariable.
As subvencións concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 20 de febreiro de 2026 e o 20 de marzo de 2026.