“A finalidade deste acto de presentación é poder acercar á administración á realidade do colectivo autónomo, moitas veces descoñecida”. Con estas palabras, o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, clausurou a presentación do informe galego “O emprego autónomo en Galicia: situación actual e perspectivas de futuro”, elaborado pola asociación de autónomos en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e coa financiación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Ao evento, celebrado no Gran Hotel Los Abetos en Santiago de Compostela e patrocinado por Caixa Rural, asistiu o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; a conselleira de Promoción e Emprego, María Jesús Lorenzana; a directora xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús; a xunta directiva de APE Galicia; representantes de entidades financeiras e, tamén presidentes, presidentas e representantes das asociacións. A encargada de abrir o acto de presentación foi a secretaria xeral de APE Galicia, Sonia Acuña Pazos, que puxo en valor a importancia do informe “para darlle visibilidade á situación actual do colectivo autónomo ao que esta asociación representa”.

Máis polo miúdo, o estudo, presentado polos membros da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Ángel Vázquez Taín e María Bastida, fai unha análise exhaustiva do sector autónomo en Galicia na actualidade e as súas previsións de cara a un futuro próximo. Neste eido, o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, agradeceulle á universidade “polo seu excelente e importantísimo traballo” e, recalcou, “que serve para dar visibilidade ás principais demandas do sector”. Ademais, tamén sinalou que o informe “plasma cal é a situación actual e as necesidades dos autónomos e autónomas da nosa comunidade.

Pola súa banda, Caldas explicou que ás veces a este colectivo “non se lle presta a suficiente atención” e recalcou que “dende APE Galicia queremos ser o nexo de unión entre a administración e o colectivo autónomo, a ponte necesaria para establecer sinerxias”. “Somos a voz de todas esas persoas que hoxe nos acompañan”, concluíu.

O obxectivo do informe é realizar unha aproximación ao perfil, características e particularidades das persoas que exercen traballo por conta propia en Galicia, así como analizar a súa evolución recente, co fin de poder estimar a súa situación actual, entender o alcance das súas dificultades e comprender as súas principais motivacións. Deste xeito, facilítase a realización dun conxunto de propostas de intervención particularizadas para este sector.