O Congreso dos Deputados aprobou de forma definitiva a Lei de Creación e Crecemento Empresas (Crea e Crece), dirixida a facilitar a creación de empresas, reducir os custes económicos, simplificar os trámites para a súa constitución, reducir obstáculos regulatorios, loitar contra a morosidade e impulsar o seu crecemento e expansión.
Deste xeito, trátase dunha das principais reformas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dirixida a fomentar o dinamismo do tecido produtivo e dar resposta ás demandas e recomendacións dos diferentes organismos internacionais. A lei impulsa a creación de empresas e facilita o seu crecemento e expansión, especialmente das pemes.
Con esta nova norma, crear unha empresa será máis fácil e rápido, establécese a posibilidade de constituír unha Sociedade de Responsabilidade Limitada cun capital social dun euro, fronte ao mínimo legal de 3.000 euros establecido ata o momento, permitindo así ás empresas utilizar estes recursos noutros gastos alternativos e facilitando a creación de novos negocios. O feito de non esixir un capital mínimo favorece ao emprendemento no noso país. Doutra banda, tamén se facilita a constitución telemática de empresas a través da ventanilla única do Centro de Información e Rede de Creación de Empresas (CIRCE), o que garante unha redución nos prazos para a súa creación así coma nos custos notariais e de rexistro.
En canto a medidas para favorecer o crecemento das empresas, modifícase a lei de medidas de liberalización do comercio, ampliándose o catálogo de actividades económicas exentas de licencia. Tamén se modifica a Lei de Garantía de Unidade de Mercado para reforzar a cooperación entre as Administracións Públicas e os mecanismos de protección de empresas e consumidores.
Pola súa banda, a norma tamén inclúe medidas para loitar contra a morosidade. Así, exténdese a obriga de expedir e remitir factura electrónica en todas as relacións comerciais a empresas e autónomos. Ademais, establécese que as empresas que non cumpran os prazos de pago establecidos na Lei de Morosidade non poderán acceder a unha subvención pública ou ser entidade colaboradora na súa xestión. Tamén, está prevista a creación dun Observatorio Estatal da Morosidade Privada que fará seguimento e análise dos datos dos prazos de pagos e promoverá boas prácticas.
Finalmente, con esta nova lei tamén se reforza e mellora a financiación das empresas. No ámbito do crowdfunding, a Lei Crea e Crece adapta a regulación nacional á normativa europea, introducindo máis flexibilidade. Tamén se reforza a protección dos inversores e permítese a creación de vehículos para agrupalos e reducir custes de xestión. Ademais, elévanse os limiares de inversión por proxecto (de 2 a 5 millóns de euros) e modifícanse os límites de inversión por proxecto para inversores minoristas, que será o máis alto entre 1.000 euros ou o 5% da riqueza. Doutra banda, tamén se impulsa a industria do capital risco e amplíanse as figuras recoñecidas para fondos cerrados.
Por último, en relación coas Institucións de Inversión Colectiva, elimínase o carácter obrigatorio do informe trimestral, establécense os medios telemáticos como medio de comunicación por defecto e flexibilízase o réxime de diversificación de inversións das entidades de capital risco.