A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova concesión de subvención para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesán.

Co obxectivo de dar resposta á nova realidade xurdida pola pandemia, determinada polo incremento do comercio electrónico e doutras canles de comercialización como son as redes sociais, que vén imposta polos novos hábitos de consumo, destinaranse 5.000.000,00 € que poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

As persoas ou entidades beneficiarias poden ser comerciantes retallistas ou obradoiros artesáns que non estén en crise e cumpran os seguintes requisitos:

Comerciantes retallistas

·         Desenvolver a súa actividade comercial en Galicia, con domicilio social na Comunidade Autónoma e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

·         Ter a condición de peme, empregando menos de vinte traballadores e non ter a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

·         Estar dados de alta e constitúan a actividade principal nalgunhas dos seguintes epígrafes do IAE:

–       641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

–       642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

–       643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

–       644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

–       645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.

–       647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

–       651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

–       652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

–       653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

–       656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e útiles ordinarios de uso doméstico.

–       657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

–       659. Outro comercio polo miúdo.

–       665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Ou tamén se actividade principal é un dos seguintes epígrafes, sempre que esteam dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada cos anteriores:

–       255.2. Fabricante de xabóns de toucador e produtos de perfumaría.

–       253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.

–       41. Industria de produción de produtos alimenticios.

–       421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.

–       43. Industria téxtil.

–       44. Industria do coiro.

–       45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.

·          Desenvolver a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

Obradoiros artesáns:

·         Estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

 

Cóntase cunha liña de dixitalización comercial e outra para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

O solicitante poderá solicitar o pagamento anticipado, previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros.

DIXITALIZACIÓN COMERCIAL

A porcentaxe de subvención será o 80 % dos investimentos máximos subvencionables, que será de 26.300,00 € (IVE excluído) no conxunto das actuacións. Considéranse actuacións subvencionables para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns:

·         Pulo á transformación dixital: implantación e actualización de páxinas web con venda en liña e implantación e actualización de webs comerciais. Cuantía da axuda:

–       Para a implantación de páxinas web con venda en liña, 4.000,00 € (IVE excluído).

–       Para a implantación de páxina web, 1.000,00 € (IVE excluído).

–       Para a actualización de páxina web, 800,00 € (IVE excluído).

Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.

·          Optimización e axilización dos procesos comerciais: implantación de ferramentas de xestión e de sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e de software adecuados ás necesidades da empresa, así como as tabletas asociadas con esta actuación. Cuantía da axuda:

–       Para a implantación de ferramentas de xestión, 3.000,00 € (IVE excluído)

–       Para as tabletas o investimento máximo subvencionable é de 300 € (IVE excluído).

·         Actuacións de comunicación, publicidade e ferramentas de marketing 4.0, na internet ou utilizando novas tecnoloxías. Cuantía da axuda:

–       Para as actuacións de comunicación, publicidade e marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 16.000,00 € (IVE excluído) para o conxunto de todas as actuacións, cos seguintes límites:

:: Actuacións de mellora de imaxe comercial dixital, 4.000,00 € e publicidade en medios dixitais, 2.000,00 € (IVE excluído).

:: Marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 6.000,00 €.

:: Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager), 4.000,00 € (IVE excluído).

·         Actuacións de comercialización dixital: participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, de carácter comercial ou artesanal, nacionais ou estranxeiros. Cuantía da axuda:

–       Para a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, 1.000,00 € (IVE excluído).

·         Loxística e-commerce: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados por un operador loxístico externo. Cuantía da axuda:

–       O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).

·         Loxística e-commerce sustentable no quilómetro cero: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados no quilómetro cero, con transporte sustentable (eléctrico/bicicleta). Cuantía da axuda:

–       O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).

EQUIPAMENTOS

Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso, en concreto:

·         Maquinaria

·         Ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal

·         Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, que melloren o deseño e calidade do produto final.

 

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 80 %.

Non se consideran gastos subvencionables:

·         A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e terminais ou lectores de TPV.

·         A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns e a adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.

·         A adquisición de materia prima da actividade artesanal.

·         Os investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal.

·         Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

 

Normativa

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento CO300C). 22321

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210504/AnuncioG0596-220421-0001_gl.html

 

EXTRACTO da Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300C). 22363

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210504/AnuncioG0596-220421-0002_gl.html