A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova concesión de subvención para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesán.
Co obxectivo de dar resposta á nova realidade xurdida pola pandemia, determinada polo incremento do comercio electrónico e doutras canles de comercialización como son as redes sociais, que vén imposta polos novos hábitos de consumo, destinaranse 5.000.000,00 € que poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.
As persoas ou entidades beneficiarias poden ser comerciantes retallistas ou obradoiros artesáns que non estén en crise e cumpran os seguintes requisitos:
Comerciantes retallistas
· Desenvolver a súa actividade comercial en Galicia, con domicilio social na Comunidade Autónoma e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
· Ter a condición de peme, empregando menos de vinte traballadores e non ter a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
· Estar dados de alta e constitúan a actividade principal nalgunhas dos seguintes epígrafes do IAE:
– 641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
– 642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.
– 643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
– 644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
– 645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.
– 647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).
– 651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
– 652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
– 653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
– 656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e útiles ordinarios de uso doméstico.
– 657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
– 659. Outro comercio polo miúdo.
– 665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
Ou tamén se actividade principal é un dos seguintes epígrafes, sempre que esteam dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada cos anteriores:
– 255.2. Fabricante de xabóns de toucador e produtos de perfumaría.
– 253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.
– 41. Industria de produción de produtos alimenticios.
– 421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
– 43. Industria téxtil.
– 44. Industria do coiro.
– 45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.
· Desenvolver a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
Obradoiros artesáns:
· Estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
Cóntase cunha liña de dixitalización comercial e outra para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
O solicitante poderá solicitar o pagamento anticipado, previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros.
DIXITALIZACIÓN COMERCIAL
A porcentaxe de subvención será o 80 % dos investimentos máximos subvencionables, que será de 26.300,00 € (IVE excluído) no conxunto das actuacións. Considéranse actuacións subvencionables para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns:
· Pulo á transformación dixital: implantación e actualización de páxinas web con venda en liña e implantación e actualización de webs comerciais. Cuantía da axuda:
– Para a implantación de páxinas web con venda en liña, 4.000,00 € (IVE excluído).
– Para a implantación de páxina web, 1.000,00 € (IVE excluído).
– Para a actualización de páxina web, 800,00 € (IVE excluído).
Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.
· Optimización e axilización dos procesos comerciais: implantación de ferramentas de xestión e de sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e de software adecuados ás necesidades da empresa, así como as tabletas asociadas con esta actuación. Cuantía da axuda:
– Para a implantación de ferramentas de xestión, 3.000,00 € (IVE excluído)
– Para as tabletas o investimento máximo subvencionable é de 300 € (IVE excluído).
· Actuacións de comunicación, publicidade e ferramentas de marketing 4.0, na internet ou utilizando novas tecnoloxías. Cuantía da axuda:
– Para as actuacións de comunicación, publicidade e marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 16.000,00 € (IVE excluído) para o conxunto de todas as actuacións, cos seguintes límites:
:: Actuacións de mellora de imaxe comercial dixital, 4.000,00 € e publicidade en medios dixitais, 2.000,00 € (IVE excluído).
:: Marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 6.000,00 €.
:: Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager), 4.000,00 € (IVE excluído).
· Actuacións de comercialización dixital: participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, de carácter comercial ou artesanal, nacionais ou estranxeiros. Cuantía da axuda:
– Para a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, 1.000,00 € (IVE excluído).
· Loxística e-commerce: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados por un operador loxístico externo. Cuantía da axuda:
– O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).
· Loxística e-commerce sustentable no quilómetro cero: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados no quilómetro cero, con transporte sustentable (eléctrico/bicicleta). Cuantía da axuda:
– O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).
EQUIPAMENTOS
Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso, en concreto:
· Maquinaria
· Ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal
· Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, que melloren o deseño e calidade do produto final.
Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 80 %.
Non se consideran gastos subvencionables:
· A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e terminais ou lectores de TPV.
· A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns e a adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.
· A adquisición de materia prima da actividade artesanal.
· Os investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal.
· Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Normativa
Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
ORDE do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento CO300C). 22321
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210504/AnuncioG0596-220421-0001_gl.html
EXTRACTO da Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300C). 22363
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210504/AnuncioG0596-220421-0002_gl.html