O Edificio ABANCA de Lugo foi onte, 17 de xullo, o escenario dun exitoso foro empresarial organizado por APE Galicia, coa colaboración de APREVAR, AJE Lugo, a Federación de Comercio de Lugo a CEL e a Xunta de Galicia. Baixo o lema da remuda xeracional e a modernización do comercio galego, o evento reuniu a representantes institucionais, empresariais e académicos para analizar os principais retos do sector.

A xornada, presentada por Silvia Crespo Tobío (vicepresidenta de Ape por Pontevedra), comezou coa mesa “O reto da Remuda Xeracional”, na que interviñeron Pablo Fernández (secretario xeral de Emprego da Xunta), María Gómez (profesora universitaria) e Luis Abelleira (presidente de APREVAR), moderados pola propia Crespo. O debate centrouse na necesidade urxente de garantir a continuidade dos negocios familiares e fomentar o emprendemento xuvenil.

A continuación, celebrouse a mesa “Comercio: retos e oportunidades”, moderada por Jaime López Vázquez (presidente da CEL), na que participaron Gabriel Alén (director xeral de Comercio da Xunta), un representante de AJE Lugo e Luis Fernández (Federación de Comercio de Lugo). Nesta mesa analizáronse as oportunidades que ofrece a dixitalización, a formación e a cooperación entre administracións e pemes para revitalizar o pequeno comercio.

O foro incluíu tamén unha intervención técnica sobre facturación electrónica, a cargo de Jaime Barreiro (CACTUS TIC), quen explicou os cambios normativos que afectan a autónomos e empresas, e respondeu ás dúbidas prácticas do público asistente.

O acto foi clausurado por José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, quen destacou a importancia deste tipo de espazos de diálogo para construír unha Galicia empresarial máis moderna, competitiva e sustentable.

A xornada contou cunha notable asistencia e serviu como punto de encontro interxeracional, reafirmando o compromiso común co futuro do tecido económico galego.