A Xunta convoca axudas por 4,5 millóns de euros para impulsar a innovación e a dixitalización da industria forestal galega
A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia do 13 de febreiro de 2026 unha convocatoria de axudas destinada a apoiar a valorización, a segunda transformación e a ecoinnovación dos produtos forestais, así como a dixitalización e a mellora da seguridade e saúde laboral no ámbito da industria forestal galega e do sector contract.
Esta liña de subvencións pretende reforzar a competitividade do sector forestal-madeira, fomentar o uso sostible dos recursos forestais e impulsar a incorporación de novas tecnoloxías e procesos innovadores nas empresas.
Poderán beneficiarse destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes) e persoas autónomas do sector forestal e do contract en Galicia que utilicen produtos forestais como materia prima. Tamén poderán acceder asociacións e entidades sen ánimo de lucro vinculadas á cadea forestal-madeira, pemes de transporte que desenvolvan proxectos de dixitalización e trazabilidade, e empresas que impulsen solucións ecoinnovadoras baseadas na madeira.
O orzamento total destinado a esta convocatoria ascende a 4.500.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, que tivo lugar o 13 de febreiro de 2026.
https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=IN500B