Obxecto
Incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación, fomentar a implementación da innovación nas pemes galegas e a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas, como valor engadido e como instrumento para o incremento da súa produtividade, crecemento e diferenciación no mercado.
Financiar a contratación, por parte das pemes, de servizos especializados de apoio á innovación que inclúan os servizos relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado, realizados a través de empresas de consultoría especializadas na prestación de servizos de innovación e centros tecnolóxicos galego.

Persoas Beneficiarias 
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, e con forma xurídica de sociedade mercantil.

Características da axuda
1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude da axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 10.000 €.
2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
4. As contratacións relativas á prestación dos servizos asociados aos tíckets de innovación terán que estar realizadas e pagadas dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
5. Existen 6 modalidades de tíckets Innova:
a) Estratexia e xestión da innovación.
– Estudos de viabilidade tecnolóxica e industria.
– Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da técnica.
– Auditoría/consultoría en produto/servizo.
– Estudos de mercado, ensaios, análese e validación experimental de novos prototipos de novos produtos e/ou servizos, procesos piloto, novos métodos ou materiais.
– Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora.
– Asesoramento para a identificación, monitorización e acompañamento de licitacións de CPI (compra pública de innovación).
– Actividades de deseño industrial, enxeñaría e posta a punto de novos sistemas de produción vinculados a novos produtos, procesos ou servizos diferenciadores.
b) Deseño para a innovación.
– Conceptualización e deseño de novos produtos e servizos diferenciais.
– Deseño de marca e identidade corporativa.
c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.
– Asesoramento na xestión da protección do coñecemento da innovación industrial, patentes, marcas comerciais e deseños industriais, etc.
d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.
e) Preparación de propostas a programas e axudas europeas.
f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.
– Realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos.
– Sistemas de intelixencia artificial (intelixencia de negocio, big data e similares).
– Ciberseguridade.
6. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa nin a modificación ou adaptación de procesos produtivos, produtos ou servizos existentes que non supoñan unha innovación. En concreto, exclúense as actividades destinadas:
a) Ao cumprimento de normativa obrigatoria.
b) Ás análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Á fabricación ou produción de prototipos.
d) Á implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.
e) Á análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
f) A calquera tipo de acción formativa.
g) A accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios) e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables, e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
h) A servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
i) A arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
7. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos.
8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificación posteriores.
10. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidadepara a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou apariencia non habitual, entre outros). Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

Contías das axudas
Concederase unha axuda do 80 %, ata un máximo de 48.000 €, para os gastos realizados pola
empresa beneficiaria durante o período subvencionable, tal e como se detalla a continuación:

gasto: de 10.000€ ata 60.000€

subvención: de 8.000€ ata 48.000€

intensidade: 80%

Forma e prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás
9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Publicación no DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250113/AnuncioO92-171224-0001_gl.pdf

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?