A Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou unha nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus co obxectivo de garantir a saúde das persoas traballadoras no reinicio da actividade empresarial e industrial.
O documento recolle medidas para as diferentes situacións. Así, enuméranse as recomendacións que se deben adoptar antes de iniciar a actividade, entre as que se encontran quedar no domicilio en caso de ter unha temperatura superior a 37º, presentar síntomas respiratorios ou se se estivo en contacto cunha persoa enferma máis de 15 minutos a unha distancia inferior a dous metros. En canto aos desprazamentos ao traballo a recomendación xeral, sempre que sexa posible, é utilizar un medio individual; no transporte colectivo ou compartido precísase o uso de máscara hixiénica.
Tamén se inclúen medidas para garantir a distancia de seguridade de dous metros tanto á entrada como á saída do centro e durante a permanencia, ademais de utilizar medidas de flexibilidade e quendas de traballo, limitar actividades presenciais ou evitar aglomeracións, medidas organizativas -como contar cun plan de continxencia, un plan de limpeza e desinfección ou un protocolo para evitar o contaxio- e de hixiene e limpeza, tanto persoal -como o lavado de mans, a hixiene respiratoria ou recomendacións para o lavado da roupa de traballo- como do propio centro. A guía inclúe apartados sobre o uso de máscaras e equipos de protección individual e tamén de xestión de residuos.
Fuente: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa