Zona Franca lanza o AutoLab de High Tech Auto, o laboratorio de vangarda en España de prototipado rápido para o talento emprendedor

 

High Tech Auto (HTA), a primeira incubadora especializada no sector da automoción e a mobilidade en Galicia, leva tempo sendo un destacado referente no ecosistema de innovación e talento na nosa comunidade.
Promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo dentro do seu programa de emprendemento da soporte, formación e acompañamento a startups, emprendedores e pemes do sector para o desenvolvemento das súas solucións tecnolóxicas de cara á súa saída aos mercados.

HTA vén de ampliar a súa rede de servizos e recursos propios co lanzamento dun pioneiro laboratorio a nivel nacional, o AutoLab, deseñado para dar continuidade ao fomento da creatividade, a innovación, a investigación e a aprendizaxe a través da fabricación dixital e a participación colaborativa na creación
de proxectos disruptivos para o sector.
AutoLab ofrece nas súas novas dependencias do Consorcio, na área portuaria de Bouzas, os espazos e a tecnoloxía de vangarda necesarias para que o talento emprendedor

desenvolva con garantías as súas probas de concepto, produtos mínimos viables e prototipos en óptimas condicións e sen necesidade de investimentos.
As novas instalacións inclúen 6 áreas de traballo especializado: Prototipado rápido, Electrónica, 5G, CNC, Robótica e Dixitalización.
Esta completa e diversificada oferta permite reforzar a posición e o atractivo da incubadora de alta tecnoloxía asentada en Vigo para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción e os seus compoñentes.

“ESTE LABORATORIO DE ALTA TECNOLOXÍA DE CONSORCIO CONSOLIDA UNHA INFRAESTRUCTURA ENFOCADA AO FOMENTO DA CREATIVIDADE, A INNOVACIÓN E A TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO”

Este concepto de laboratorio está inspirado na esencia dos proxectos Fablabs nacidos en Estados Unidos e hoxe en día conforman unha importante rede global de espazos de investigación ideados para favorecer a creatividade dos seus usuarios proporcionando as ferramentas de fabricación dixital precisas.

as 6 áreas do autolab de zona franca

 

Prototipado rápido: Espazo equipado con tecnoloxías de fabricación dixital avanzada. Impresoras 3D, escáner 3D, cortadoras láser, secadoras de filamento, plotter e pulidora.
Electrónica: Ferramentas de medición como osciloscopios, xeradores de sinais e multímetros. Estacións de soldadura e de-soldadura e un pick and place para construír placas electrónicas.
5G con Edge Computing: Redes 5G exterior e interior equipadas con cloud computing e edge computing para validar ideas e aplicacións no ámbito da Realidade Virtual, Realidade Aumentada, Internet das cousas, vehículos autónomos e outras.
CNC: Ofrece unha fresadora CNC para traballos 2D e 3D de alta precisión para diferentes materiais metálicos e de madeira.
Robótica: Dispón do robot colaborativo de grandes dimensións máis potente da súa gama.
Dixitalización: Conta cos equipos informáticos máis potentes do actual mercado, portátiles e ordenadores con procesadores e tarxetas gráficas de última xeración, dispositivos 5G como teléfonos intelixentes, tabletas, gafas de RV e RA.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?