Mediante estas axudas permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial.

Accións subvencionables e importe

Estas subvencións contan cun orzamento de 1.000.000,00 euros e serán compatibles entre si.

1. Bono autónomo Concilia I. Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración desta. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia, e pola duración da dita baixa, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde. No caso de autónomas embarazadas ou persoas autónomas en proceso de adopción, o contrato de substitución será subvencionable ata dous meses antes do inicio do seu período de descansoIgualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada por substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo. Nos supostos de risco durante o embarazo o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 8.800 €.

No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de, polo menos, o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.

2. Bono autónomo Concilia II. Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial de, polo menos, o 50 %.

3. Bono autónomo Concilia III. Será subvencionable o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os servizos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.

No caso de menores serán subvencionables os servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares, cando os centros educativos están pechados polas ditas vacacións, segundo o calendario escolar oficial.

 

Persoas beneficiarias 

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas; así mesmo, poden ser beneficiarias as persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís e comunidades de bens, a título individual, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos no momento da solicitude:

a) Ter o seu domicilio fiscal na comunidade autónoma de Galicia.

b) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.

c) Cumprir os requisitos exixidos na presente orde e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades cooperativas e as persoas autónomas colaboradoras, así mesmo, as persoas traballadoras autónomas administradoras que non teñan parte na sociedade.

Para ser beneficiaria do BONO CONCILIA I a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato que se vai realizar será de substitución, ou contrato indefinido, segundo o caso. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida no artigo 5, e debe realizarse dentro do período subvencionable (30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024).

Para ser beneficiaria do BONO CONCILIA II o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia,. No caso de non existir deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa.

Para ser beneficiario do BONO CONCILIA III a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado. No caso de non existir a relación de parentesco, deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos, non será necesario acreditar a convivencia previa.

 

Forma e prazo de presentación 

O prazo de presentación de solicitudes será do 25 de xaneiro ata o 29 de setembro de 2024.

As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a tráves da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

 

Publicación DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240124/AnuncioG0656-030124-0001_gl.html

_

Para máis información:

 info@apegalicia.es
 986 891 657