O verán xa está a piques de rematar e os datos para o sector autónomo en Galicia non son favorables. En tan só un mes produciuse un descenso na comunidade autónoma galega de case 1.000 persoas autónomas. Así o amosan os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que rexistran un total de 207.105 persoas no réxime de autónomos a finais do mes de agosto, o que supón 915 persoas menos que en xullo cando esta cifra ascendía a 208.020 persoas.

En concreto, o número de altas no mes de agosto foi de 2.008 e o de baixas de 2.923, producíndose un descenso en todas as provincias galegas. Sen dúbida, os datos non son alentadores e as previsións tampouco son positivas de cara aos vindeiros meses de outono. Esta caída do número de persoas autónomas pode ser debida a diversos factores como a actual inflación que estamos atravesando e que provoca que o nivel de gastos sexa especialmente elevado.

Moitas persoas traballadoras por conta propia non poden asumir a escalada de prezos actuais, tanto nas materias primas, coma nos carburantes, nas facturas da luz ou noutros suministros necesarios para levar a cabo a súa labor. Este feito provoca que gran parte dos autónomos e autónomas opten por dar de baixa a súa actividade, posto que cos ingresos obtidos non son capaces de facer fronte aos gastos xerados. Ademais, entre o sector autónomo tamén está a xerar gran preocupación e inquedanza o novo sistema de cotización por tramos que se porá en marcha a partir do 2023. Neste eido, dende APE Galicia estamos xestionando a organización dunha xornada para resolver todas as dúbidas ao colectivo.

 

Comercio electrónico

Ante o actual encarecemento que se está a producir no ámbito económico do traballo por conta propia, cada vez son máis as PEMES ou autónomos que deciden darlle unha volta ao seu negocio e iniciarse no ecommerce. O comercio electrónico chegou para quedar. Malia que nalgúns tipos de actividades esta modalidade de venta non é posible, o certo é que nos últimos anos sufriu un importante auxe. Para as persoas autónomas, adaptar a súa actividade ao comercio a través de internet leva consigo unha serie de vantaxes, tanto a nivel de captación de clientes como de aforro de custes.

Neste eido, destacar que segundo un estudo realizado pola consultora PwC, máis de medio millar de PEMES galegas xa usan a tenda de Amazon para vender os seus produtos. Deste xeito, empregan esta plataforma de comercio electrónico para aumentar as súas ventas e darlle máis visibilidade ao seu negocio. O informa sitúa a Galicia como a quinta comunidade por número de empresas que canalizan o seu comercio electrónico a través do xigante de Amazon, por detrás de Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía.

Este estudo tamén destaca o efecto multiplicador de vender en Amazon, xa que por cada euro aportado ao PIB por estas PEMES xéranse 2,8 euros no conxunto da economía española. E non só iso, ademais, sete de cada dez destas pequenas e medianas empresas aumentaron a súa facturación dende que usan esta canle para as súas ventas online, e case a metade incrementáronas en máis dun 25%.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?