O director do Igape, Fernando Guldrís e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, da Consellería de Emprego e Igualdade, participaron nun encontro dixital informativo sobre as últimas liñas de axudas activadas pola Xunta de Galicia para favorecer a reactivación e dinamización da actividade de autónomos, microempresas e pemes.
Durante as súas intervencións no webinario celebrado onte en Santiago, os directores concordaron que as súas dúas consellerías teñen como prioridade apoiar aos colectivos e sectores máis vulnerables ao impacto económico provocado pola pandemia da covid-19, a través de axudas que lles faciliten levar a cabo a súa actividade e dispor de liquidez para manter os seus negocios no actual contexto.
Nese sentido, o director do Igape lembrou que o novo programa de axudas dirixido aos establecementos hostaleiros e de restauración achegará 3 millóns de euros en apoios directos para permitir adecuar os espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, que os poden solicitar persoas autónomas e pemes de menos de 50 traballadores para cubrir o 80% do investimento, sendo a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000 euros.
No que respecta á nova liña para a concesión de préstamos dotada con 10 millóns de euros, Guldrís fixo fincapé en que está destinada especialmente a achegar liquidez aos sectores con máis dificultades de acceso ao crédito, como a hostalería, o ocio nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social. Os préstamos contarán con xuros próximos ao 0% e poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia.
Pola súa banda, a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, foi a encargada de exponer as liñas xerais do Plan de rescate que conta cun orzamento de 84 millóns de euros para apoiar ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalería pechado como consecuencia das medidas ditadas pola autoridade sanitaria.
A iniciativa inclúe tres liñas de axudas diferentes: para autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo (o prazo de solicitude remata o próximo venres 18 de decembro); para microempresas e autónomos con persoal contratado; e para os establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro. Os dous últimos apoios poden pedirse ata o próximo 28 de decembro.
Toca lembrou que o Goberno galego está a axilizar o máximo posible o pagamento destes apoios sinalando que xa se aboou o 30% das solicitudes recibidas na primeira liña de axudas (autónomos con e sen persoal a cargo).
Destacou, así mesmo, que todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros.
Para calquera consulta que nos quera trasladar, ponse a disposición dos interesados os teléfonos de información 900 815 600 (Emprego) e 900 815 151 (Igape), o enderezo informa@igape.es, e tamén o portal do autónomo www.oficinadoautonomo.gal