Este sábado, 5 de xullo, celebrouse en Rábade (Lugo) o Día do Cooperativismo Galego 2025, unha cita clave para visibilizar o modelo cooperativo como motor de transformación social e económica. O acto central tivo lugar nas instalacións da cooperativa Rabadense de Transportes e estivo presidido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Baixo o lema “As cooperativas promoven solucións inclusivas e sostibles para un mundo mellor”, proposto pola Alianza Cooperativa Internacional, a xornada reuniu representantes do movemento cooperativo galego para poñer en valor o seu papel nunha economía máis xusta e centrada nas persoas.

Durante o evento entregáronse os Premios á Cooperación 2025. Os galardóns foron para Illa Bufarda, como mellor proxecto cooperativo novo; Rexenerando, polo seu compromiso cos valores cooperativos; e LEMOS SCG, pola súa traxectoria no sector.

Tamén se recoñeceron os proxectos premiados no Certame Cooperativismo no Ensino 2025. O primeiro premio foi para Milgranda, S. Coop. Galega (IES Rosalía Mera), mentres que o segundo recaeu en Maruxíada – S. Coop. Galega Mendiño (Vigo).

O secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, destacou no seu discurso que “Galicia é a cooperación que nos une”, subliñando o valor do cooperativismo como ferramenta de cohesión territorial e progreso social.

Desde Ape Galicia, Jose Ramón Caldas, presidente da asociación e Silvia Crespo sumámonos con entusiasmo a esta celebración, reafirmando o noso compromiso cun modelo que impulsa un futuro máis sostible, solidario e enraizado no territorio.