A Axencia Galega das Industrias Culturais abre o prazo de axudas para proxectos musicais
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén de convocar unha nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinada a apoiar proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical.
Estas axudas, correspondentes ao procedemento CT207L, están dirixidas a empresas e persoas autónomas con sucursal ou oficina permanente desde hai polo menos un ano en Galicia, na Unión Europea ou no Espazo Económico Europeo, sempre que desenvolvan principalmente a súa actividade en Galicia. Ademais, deberán estar vinculadas á xestión de artistas ou grupos musicais, ou á edición musical, como é o caso das discográficas.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto entre o 25 de marzo e o 25 de abril de 2026.
O obxectivo desta convocatoria é impulsar o sector musical galego, favorecendo o desenvolvemento de iniciativas que contribúan á súa dinamización e proxección tanto dentro como fóra da comunidade.