O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, comeza hoxe a súa oferta formativa sobre a prevención de riscos laborais con dous cursos dirixidos a 400 alumnos e alumnas.

Un dos dous cursos que forman parte do Plan anual de actividades do Issga beneficiará a  300 persoas que recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 5 de maio, data na que se realizará unha proba final.

O outro curso impartirase para 100 alumnos e alumnas interesados en actividades de tempo libre, que finalizará o 6 de maio.

Este ano, a Xunta de Galicia ofrece 1.100 prazas en total nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos.

A través destas acción formativas, que este ano desenvolveranse na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), promoveranse comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, fomentando o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada.

Os alumnos e alumnas tamén aprenderán a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.