O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.
ALTA E REQUISITOS PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA
Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
- Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
- Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I que se achega.
Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
- Nome e apelidos ou razón social.
- Establecemento comercial en Galicia.
- NIF.
- Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
- Nome comercial.
- Enderezo do establecemento comercial.
- Número de teléfono móbil.
- Correo electrónico.
- IAE principal (incluído no anexo I).
- IBAN da conta bancaria.
- Páxina web do establecemento comercial.
A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
Na alta para a adhesión ao programa, as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal
As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.
DATA DE DESCARGA DOS BONOS E SISTEMA DE FUNCIONAMENTO
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 26 de abril ata o 15 de setembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00€.
Mediante orde da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderanse modificar as ditas datas se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do que se dará a oportuna publicidade.
A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal.
Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.
No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na APP o importe e o concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
PRAZO PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) .
Opcionalmente, os bonos poderanse solicitar presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente aos/ás empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración
O prazo xeral para a adhesión a este programa comezará o 16 de abril e rematará o 1 de setembro de 2024.
PUBLICACION NO DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240415/AnuncioG0692-110324-0011_gl.html