BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS (PROCED. TR341Q)

No DOG de hoxe publícase a orde do 19 de xuño de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 124 do 2 de xullo de 2019).

OBXECTO

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q) e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.

Subvención do bono das persoas autónomas:

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade por subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1 mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

– Investigación de mercado.

– Plan de márketing.

– Plan de comunicación do negocio.

– Plan estratéxico do negocio.

– Plan de crecemento: constitución da sociedade.

– Plan de reorientación do negocio.

– Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.

– Plan de refinanciamento.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona, na súa convocatoria para o exercicio de 2019 e sucesivas, por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2 mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

– Compra de maquinaria.

– Compra de útiles e ferramentas.

– Reforma do local do negocio.

– Equipamentos informáticos.

– Rótulos.

– Aplicacións informáticas e páxinas web.

– Creación de logotipo do negocio.

– Mobiliario.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2, co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

3. Definicións:

Investigación de mercado. A investigación de mercados é o proceso que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing.

Plan de márketing. O plan de márketing é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se queren conseguir, as estratexias que se implementará e a planificación que se seguirá.

Plan de comunicación do negocio. Trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.

Plan estratéxico do negocio. Documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia, que unha organización se propón seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que deben ser cumpridos para cada unha das accións propostas.

Plan de crecemento: constitución de sociedade. Planificación da conversión do negocio individual dun ou varios autónomos nunha sociedade.

Plan de reorientación do negocio: estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.

Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio: estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

Plan de refinanciamento: planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.

Maquinaria: conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.

Útiles e ferramentas: conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.

Equipamentos informáticos: considéranse equipamentos informáticos para efectos desta orde as tablets ou similares, ordenadores persoais de sobremesa e ordenadores portátiles.

Reforma do local do negocio: refírese a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de simple reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Rótulos para negocios: carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización.

Aplicacións informáticas e páxinas web. Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos tanto adquiridos a terceiros como elaborados pola propia empresa. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

Creación de logotipo do negocio: creación de símbolo formado por imaxes ou letras que serve para identificar un negocio e as cousas que teñen relación con el.

Mobiliario: conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 31 de decembro do exercicio en curso. Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os investimentos deben ser contratados con provedores que se dediquen a actividade obxecto da subvención.

A QUEN VAI DIRIXIDO?

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.

b) Ter a empresa unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na última declaración realizada.

c) Ter a empresa unha base impoñible no imposto de sociedades da última declaración realizada inferior a 30.000 euros. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF.

3. Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (código de procedemento TR341Q) nalgunha das dúas anteriores convocatorias.

A ONDE ACUDIR

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO

SUBDIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO

SERVIZO DE EMPREGO AUTÓNOMO

San Lázaro, s/n

15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 981545625 / 981957729

Fax: 981544678

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

XEFATURA TERRITORIAL DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DA CORUÑA

SERVIZO DE EMPREGO E ECONOMÍA SOCIAL DA CORUÑA

Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º – Centro comercial de Elviña

15008 Coruña, A (Coruña, A)

Teléfono: 881881582

Email: axudasautonomos.traballo@xunta.gal

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

XEFATURA TERRITORIAL DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DE LUGO

SERVIZO DE EMPREGO E ECONOMÍA SOCIAL DE LUGO

Ronda da Muralla nº 70 baixo

27071 Lugo (Lugo)

Teléfono: 982294259 / 982294274

Fax: 982294258

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

XEFATURA TERRITORIAL DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DE OURENSE

SERVIZO DE EMPREGO E ECONOMÍA SOCIAL DE OURENSE

Avda. da Habana, nº 79 – 7ª

32071 Ourense (Ourense)

Teléfono: 988386822 / 988386810

Fax: 988386770

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

XEFATURA TERRITORIAL DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DE PONTEVEDRA

SERVIZO DE EMPREGO E ECONOMÍA SOCIAL DE VIGO

Rúa Concepción Arenal, nº 8 – 2º

36201 Vigo (Pontevedra)

Teléfono: 986817695 / 986817073

Fax: 986817010

ÓRGANO RESPONSABLE

SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO

PRAZO

Prazo de presentación: PECHADO, 03/07/2019 – 02/08/2019.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia; estará dispoñible a aplicación informática da sede electrónica desde as 9.00 horas do día seguinte á súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.

RESOLUCIÓN

Prazo de resolución: tres meses.

Sentido do silencionegativo.

ENLACE Á NORMATIVA

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190702/AnuncioG0424-210619-0010_gl.html

ENLACE Á SEDE ELECTRÓNICA DO PROCEDEMENTO

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341Q

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?