Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e proceder á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social de Galicia co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o brote da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica, incrementen a súa competitividade e, en definitiva, manteñan empregos de calidade.

 

Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia

b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica. No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

 

Liñas de axuda

1. Establécense as seguintes liñas de axuda:

a) Liña 1. Transformación dixital da entidade. Esta liña comprende as subvencións orientadas aos seguintes conceptos:

a.1) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción.

a.2) Equipamento informático.

a.3) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

b) Liña 2: Profesionalización e desenvolvemento estratéxico co apoio de servizos externos especializados, que impliquen novos métodos de organización, melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo.

Esta liña comprende subvencións para a contratación dos seguintes servizos externos:

b.1) Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo.

b.2) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial.

b.3) Plan de futuro e de mellora do negocio.

b.4) Plan de mellora da xestión financeira

b.5) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta

b.6) Análise de cumprimento normativo e riscos legais.

b.7) Obtención de certificacións de calidade

b.8) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade

c) Liña 3: Mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

Esta liña comprende as subvencións para os investimentos consistentes en:

c.1) Adquisición de equipamento.

c.2) Reforma do local do negocio.

c.3) Mobiliario.

2. Os servizos descritos na liña a.1), así como os contidos nas liñas b.2) a b.7), inclúen tanto a fase de estudo e planificación como a de implantación na empresa dos plans correspondentes, incluída a formación e adestramento para a súa efectiva posta en práctica, sempre que se execute durante o período subvencionable.

3. A axuda para a contratación dos servizos sinalados na letra a.1) é incompatible coa sinalada na letra b.3).

4. Os investimentos e gastos sinalados neste artigo poderán ser compartidos entre varias entidades solicitantes que desenvolvan un proxecto conxunto, facéndoo constar así na solicitude.

 

Contía das axudas

A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

• 10.000 € para os gastos incluídos na liña 1 (transformación dixital).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 2 (profesionalización e desenvolvemento estratéxico).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 3 (investimentos comúns).

O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada solicitante. No caso de superarse esta contía na solicitude priorizaranse os gastos presentados seguindo a orde das liñas establecida no artigo precedente (primeiro os da liña 1, en segundo lugar os da liña 2 e, por último, os da liña 3).

 

Definicións

Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción: estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información ou da industria 4.0 na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

b) Equipamento informático: ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, tablets ou similares, destinados exclusivamente ao desenvolvemento da actividade profesional da solicitante. En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

c) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos a medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

d) Investigación de mercado e análise de potencial competitivo: estudo que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing, así como a análise que permita determinar a capacidade da entidade para competir no mercado segundo a súa posición competitiva actual, planeando accións de mellora inmediata ou temperá.

 

e) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial: documento onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que pretende conseguir, as estratexias que debe implementar e a planificación que debe seguir; e/ou que comprende as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio.

f) Plan de futuro e de mellora do negocio: documento que, con estrutura de folla de ruta, inclúe propostas de mellora de procesos, produtos ou servizos que vai ofrecer a persoa solicitante, así como accións concretas para a posta en marcha desas melloras e resultados esperados a medio prazo (de 3 a 5 anos).

g) Plan de mellora da xestión financeira: documento de estratexia que analiza e inclúe melloras no conxunto de decisións financeiras de planificación e control da entidade, co obxectivo de mellorar a súa viabilidade e rendibilidade.

h) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta: estudo de fusión empresarial ou planificación de actuación conxunta estable entre dúas ou mais entidades diferenciadas.

i) Análise de cumprimento normativo e riscos legais: análise dos principais riscos de incumprimento legal das principais operacións da entidade, nomeadamente, normativa laboral, de protección de datos, e fiscal (entre as máis comúns).

j) Obtención de certificacións de calidade: elaboración de procedementos, informes e documentación aparellados a unha certificación de calidade que mellore a imaxe dos produtos e servicios da solicitante, favorezan o seu desenvolvemento e afiancen a súa posición no mercado, acadando con isto unha vantaxe competitiva.

k) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade: creación das imaxes, nomes, marcas e, en xeral, o conxunto de elementos que serven para conformar a identidade externa da empresa ou negocio

l) Adquisición de equipamento: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as que se mellore o proceso produtivo.

m) Reforma do local do negocio: obras de sinxeleza técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións, ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

n) Mobiliario: conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

 

 

 

 

Solicitudes

 1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

Normativa

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210818/AnuncioG0599-050821-0006_gl.pdf

 

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?