Estas axudas teñen por obxecto que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación económica para a contratación dunha persoa durante un periodo máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial. Así mesmo subvencionase unha parte do custo dos centros e/ou servizos para o coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
A convocatoria estará aberta desde o 23 de maio ata o 29 de setembro e obrigatoriamente as solictudes han de presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do formulario normalizado.
As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (BONO AUTÓNOMO CONCILIA I).
Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (BONO AUTÓNOMO CONCILIA II).
Igualmente se apoiarán os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023 (BONO AUTÓNOMO CONCILIA III)
Destínase unha partida de 1.000.000 de euros para o programa.
A CONTÍA das axudas establécese da seguinte forma:
– Bono autónomo Concilia I e II: O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 6.000 €.
Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.
– Bono autónomo Concilia III: Será subvencionable o 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade, ata un máximo de 3.000 €. Sempre que eses gastos sexan realizados no período subvencionable, quecomprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023. A contía máxima que se percibirá será o 75 % do custo do centro ou do servizo.
Os tres tipos de axudas, bono autónomo Concilia I, Concilia II e Concilia III serán compatibles entre si.
As bases poden consultarse no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230522/AnuncioG0656-050523-0001_gl.pdf