AXUDAS DESTINADAS Á PREPARACIÓN E APLICACIÓN DOS PLANS DE PRODUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE ORGANIZACIÓNS DE PRODUTORES PESQUEIROS E ASOCIACIÓNS DE ORGANIZACIÓNS DE PRODUTORES PESQUEIROS (PROCED. PE155C)
No DOG do 25 de xuño publicouse a orde do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (código de procedemento PE155C).
OBXECTO
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establecen a sección IV do capítulo II do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, e o artigo 66 do Regulamento (UE) nº 508/2014, e o artigo 15.5 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.
2. Por outra banda, tamén é obxecto desta orde a convocatoria destas axudas para o ano 2019.
As OPP e, se for o caso, as AOP, poderán solicitar as axudas polos gastos realizados na preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización aprobados para a campaña 2018.
O código do procedemento administrativo correspondente a estas axudas é o PE155C.
3. As actuacións obxecto de axuda enmárcanse no programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para España, dentro da prioridade 5 do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) cuxo ámbito de actuación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.
OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS
Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:
a) Executar, dentro do prazo conferido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, aprobados mediante resolución do órgano competente na materia.
b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable da percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
d) Levar un sistema de contabilidade separada ou asignar un código contable adecuado a todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
e) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.
f) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
g) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.
i) Indicar, no momento da solicitude, o valor da produción en primeira venda, en euros e toneladas, correspondentes ao ano 2018.
j) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario:
– Non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, nin ter sido declarado culpable de cometer fraude.
– Non poderá cesar a actividade produtiva, relocalizar a actividade fóra de Galicia, nin producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que menoscaben os seus obxectivos orixinais.
REQUISITOS
Os beneficiarios das axudas reguladas pola presente orde estarán suxeitos aos seguintes requisitos:
a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
b) Cumprir o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Non ter cometido infracción grave:
– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;
– Do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento da política pesqueira común.
d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).
e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello.
f) Manter a condición de beneficiario, cumprindo os requisitos de admisibilidade previstos no artigo 10 do Regulamento FEMP.
g) Cumprir o disposto nos artigos 71 e 140 do Regulamento 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 (Regulamento RDC).
h) Levar unha contabilidade separada, ou dispor dun código contable adecuado das transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.
i) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
j) Someterse a actuacións de control dos distintos órganos competentes.
A ONDE ACUDIR
CONSELLERÍA DO MAR
DIRECCIÓN XERAL DE PESCA, ACUICULTURA E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PESCA E MERCADOS DA PESCA
SERVIZO DE MERCADOS
Edificio San Caetano s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546261
Email: sxmar.cmrm@xunta.es
ÓRGANO RESPONSABLE
DIRECCIÓN XERAL DE PESCA, ACUICULTURA E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA
PRAZO
Prazo de presentación: PECHADO, 26/06/2019 – 26/07/2019.
RESOLUCIÓN
Prazo de resolución: cinco meses.
Sentido do silencio: negativo.
ENLACE Á NORMATIVA
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190625/AnuncioG0427-120619-0003_gl.html
ENLACE Á SEDE ELECTRÓNICA DO PROCEDEMENTO