A Xunta prevé concluír esta semana a tramitación administrativa do segundo plan de rescate para autónomos, microempresas, establecementos hostaleiros e outras actividades pechadas polas restricións impostas para evitar a proliferación da pandemia da covid-19.
Tal e como lles avanzamos en días anteriores, a orde de axudas, de 75 millóns de euros, xa está practicamente finalizada, polo que podemos avanzarlles un resumo deste II PLAN DE RESCATE, que pode sufrir algunha lixeira modificación, pola incorporación dalgunhas achegas dos principais sectores de actividade económica afectados pola crise.
Despois de que a pasada semana, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reunísese por videoconferencia con APE Galicia, ATA e AGTAMAR, representando ao colectivo autónomo, e posteriormente coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e representantes dos sindicatos UXT e CC OO iniciouse a tramitación administrativa da convocatoria.
É unha «prioridade», tanto do goberno galego como das asociacións que participan no deseño destas axudas, que «cheguen canto antes aos sectores afectados pola pandemia» e que poida dar resposta ás necesidades dos autónomos e empresas.
Con este segundo plan, sumado ao primeiro lanzado pola Xunta, xa son un total de 161 millóns de euros os apoios directos ás actividades económicas máis afectadas pola pandemia.
Estas axudas directas terán menos requisitos, serán máis rápidas, acumulativas e complementarias ao primeiro plan de rescate e ao resto de axudas desenvolvidas pola Xunta de Galicia para paliar os efectos económicos da pandemia.
Achegamos o borrador actualizado ao 9 de febreiro.