A Xunta de Galicia pon a disposición das pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego e outros interesados no eido un sinxelo formulario online para faciltar a tramitación das iniciativas que sexan susceptibles de acollerse ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central para optar a fondos europeos e facer fronte aos efectos da covid-19, especialmente aqueles que queren aumentar a súa base territorial.
Os agricultores, gandeiros e silvicultores galegos interesados poderán presentar de forma simplificada os seu proxectos cubrindo o formulario dispoñible na web da Consellería do Medio Rural, requirindo cubrir dita solicitude como apoio á documentación que se xunte para aspirar aos referidos fondos.
Co fin de axilizar e facilitar toda a tramitación, identificando aos interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro dese Plan, ao tempo que se axudará a definir as liñas estratéxicas de actuacións futuras no rural galego.
Cómpre lembrar que a Xunta ampliou recentemente, ata o vindeiro día 30 de abril, o prazo para concorrer a esta Manifestación de interese, tendo en conta a gran demanda existente no sector agroalimentario galego para participar na iniciativa.
Ademais de poder facer a solicitude a través do formulario habilitado na enlace https://www.113.vovici.net/se/13B2588B3979C8A9 , as manifestacións de interese de proxectos autonómicos tamén se poderán enviar ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, aportando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada. A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.