APE Galicia lanza unha nova oferta formativa que comeza este mesmo mes de novembro. Trátase de dous cursos totalmente gratuítos, dirixidos a persoas desempregadas, que serán impartidos en modalidade presencial a partir do 28 de novembro.

En concreto, un dos cursos é “Organización e xestión de almacéns” que, cunha duración de 408 horas, será impartido en horario de 15 a 20 horas na aula 2 da sede de APE Galicia, na rúa Gagos de Mendoza (Pontevedra). Doutra banda, tamén ofertaremos “Xestión de marketing e comunicación” que, cunha duración de 828 horas, será impartido en horario de 9 a 14 horas tamén na sede de APE Galicia. Máis polo miúdo, as dúas formacións, que está previsto que comecen o día 28 de novembro, conducen á obtención de certificados de profesionalidade e o número de prazas para participar é limitado.

Cabe destacar que estes dous certificados de profesionalidade nivel 3 trátanse do maior rango de cualificación que se pode atopar nas acreditacións profesionais actuais en España e que ofrece múltiples saídas laborais hoxe en día. No caso do certificado en organización e xestión de almacéns, trátase dun título que permitirá ás alumnas e alumnos exercer profesionalmente nesta área laboral, en tarefas como, por exemplo, técnicos/as en xestión de stocks ou almacén, almaceneiras/os de empresas de transportes, persoas empregadas administrativas dos servizos de almacenamento e recepción, técnico en loxística de almacéns, xestores de almacén, responsables de recepción ou expedición de mercancías.

Doutra banda, con respecto ao certificado en xestión de marketing e comunicación, tamén conta cunhas amplas posibilidades de saídas laborais relacionadas con postos como persoas técnicas en publicidade e relacións públicas, técnicos/as en organización de feiras e eventos, persoas organizadoras de eventos de marketing e comunicación, asistente do Xefe de Produto, técnico/a de marketing, auxiliar de medios de empresas de publicidade ou controlador da emisión en medios de comunicación, entre outras.

Ademais, é preciso resaltar tamén que para poder realizar estes cursos de nivel 3 é necesario cumprir, polo menos, un dos seguintes requisitos: estar en posesión do título de Bacharelato, posuír outro Certificado de Profesionalidade do mesmo nivel, estar en posesión dun Certificado de Profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional, dispoñer dun título de Técnico, Técnico Superior de FP, posuír un título de Técnico ou Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, contar cunha titulación universitaria oficial, ter superada a proba de acceso a un ciclo formativo de grado superior, ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou de 45 anos, ou ter as competencias necesarias para cursar con aproveitamento esta formación.

A formación está financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, polo Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España e polo Servicio Público de Empleo Estatal. As persoas que reúnan os requisitos e desexen anotarse e formarse en profesións con futuro poden solicitar máis información chamando ao número de teléfono 986 891 657 ou a través da nosa páxina web www.apegalicia.gal.

 

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?