APE Galicia vén de distribuír entre as súas entidades profesionais asociadas ao redor de 30.000 bolsas de papel ecolóxico cedidas por Sogama, no marco do acordo colaborativo firmado entre ambas partes a prol da preservación do Medio Ambiente e da loita contra os residuos plásticos e o cambio climático.

Máis polo miúdo, a campaña dálle prioridade ao sector comercial, onde se consume un maior numero de bolsas, ofrecendo outras alternativas e promovendo aquelas nas que se utilicen recursos renovables como é o papel. Deste xeito, ao introducir a sustentabilidade nas empresas do territorio galego, os seus procesos de xestión serán máis eficientes e respectuosos co medio ambiente, dando lugar deste modo a un maior benestar e calidade de vida entre os cidadáns. O cambio climático é unha realidade que temos a obriga de frear e, para conseguilo, dende APE Galicia actúamos con medidas e iniciativas que lle dean visibilidade a esta problemática. A idea é actuar dende os sectores pequenos, de forma local, para así chegar a acadar un cambio global.

Doutra banda, ademais de servir de exemplo, o que se pretende con esta iniciativa é concienciar e darlle visibilidade ao impacto negativo que teñen sobre o medio ambiente e o ecosistema as bolsas non biodegradables, un problema ecolóxico que dende APE Galicia, Sogama e a Xunta de Galicia consideramos que é imprescindible atallar. A través desta campaña, APE Galicia, Sogama e a Xunta loitan por acadar un mundo máis sostible ante os desafíos ecolóxicos que se presentan en todo o planeta.

Como cada ano dende 1973, o pasado día 5 de xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano contou co lema “Unha soa Terra” e que este ano solicita cambios profundos nas políticas e nas decisións da poboación para acadar unha vida máis limpa, ecolóxica e sustentable. Dende APE Galicia sumámonos a esta concienciación e chamada á acción colectiva para protexer e recuperar o noso planeta, como di o lema só temos unha Terra e temos que actuar dende xa.

Sen dúbida, a problemática é real, e os datos así o amosan, estamos utilizando o equivalente a 1,6 terras para manter o noso estilo de vida actual e os ecosistemas xa non poden satisfacer as nosas demandas. Ademais, o 67% das emisións de gases efecto invernadoiro responsables do quentamento global están asociadas aos nosos estilos de vida e, neste eido, os estudos sinalan que un xiro cara comportamentos sustentables podería reducir as nosas emisións entre un 40% e 70% para 2050. Polo tanto, cada aportación individual suma e, se tomamos medidas dende agora, a sociedade en conxunto pode darlle a volta a estes datos e restaurar un planeta máis san, limpo e sustentable, xuntas e xuntos somos máis