APE Galicia celebra este sábado, 5 de novembro, o XII Congreso das Persoas Traballadoras Autónomas de Galicia con preto de 250 invitados e invitadas. No evento, que terá lugar no Hotel Carlos I de Sanxenxo, realizaremos a entrega de sete premios a autónomos e autónomas distinguidos, para recoñecer desta maneira a súa traxectoria profesional e o esforzo realizado para sacar adiante ás súas empresas, e tamén entregaremos dous galardóns especiais. Posteriormente, terá lugar unha cea homenaxe ás persoas premiadas.
Máis polo miúdo, este ano as persoas premiadas son José Luis Corujo Grandela, de talleres Eleccorujo; José Antonio Rodríguez Araújo, de Carrocerías Digal; Alejandro Gómez-Ulla, da farmacia Gómez-Ulla; Fina Cabaleiro Portela, de Adega de Ardán; María Eugenia Silva Tarela, da Cofradía de Raxó; Minia Rodríguez García, de Transportes RG; e a Familia Ramírez. Ademais, faremos un recoñecemento especial, a título póstumo, a Magín Froiz Planes, pola súa traxectoria profesional e en agradecemento ao compromiso e colaboración coa nosa entidade. E, por último, realizarase a entrega doutro galardón especial para o Consorcio Zona Franca de Vigo pola labor que realizan a favor das persoas traballadoras autónomas.
Ao acto, que dará comezo ás 20 horas, asistirán o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a deputada provincial de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana María Mejías Sacaluga, e demais autoridades.
Despois dun ano de parón debido a pandemia da Covid-19, este ano volvemos a celebrar este evento que ten como obxectivo principal recoñecer, visibilizar e homenaxear a labor e o éxito das persoas traballadoras autónomas que, co seu esforzo e dedicación, levan a que a súa empresa sexa competitiva, contribuíndo día a día a crear riqueza e xerar emprego na nosa comunidade.