Un ano máis, APE Galicia puxo en valor o esforzo e traballo de sete persoas traballadoras galegas no seu xa “clásico” Congreso, que este ano chegou á súa duodécima edición. Ademais, no acto, tamén se fixo un recoñecemento a título póstumo a Magín Froiz Planes e unha mención especial para o Consorcio Zona Franca de Vigo. Este evento, que a asociación vén realizando dende o ano 2009, pretende recoñecer, visibilizar e homenaxear a labor e o éxito de persoas traballadoras autónomas que, moitas veces, é invisible para a sociedade.
O primeiro dos galardóns foi entregado a José Luis Corujo Grandela (1951, Lugo), de talleres Eleccorujo, unha persoa que comezou no mundo do automóbil aos 14 anos e traballou de forma incansable ata conseguir formar a súa propia empresa. Con tan só 19 anos Corujo tivo que abandonar Lugo e marchar a traballar a Barcelona, onde vivía o seu irmán Ramón, para, tres anos despois, acabar regresando á súa terra natal. Foi en 1977 cando montou, xunto ao seu irmán Alfredo, o taller “Electricidad del Automóvil Hnos. Corujo”, ata que en 1995 continuou solo na actividade baixo o nome de Eleccorujo S.L.U. Unha vida enteira dedicada á electricidade no automóvil.
O segundo premio recaeu en José Antonio Rodríguez Araújo (1959, Ourense), de carrocerías Digal, que, xunto ao seu irmán, dedicouse dende a década dos 60 á fabricación e transformación de carrocerías e furgonetas en vehículos frigoríficos e refrixerantes. A ilusión e o traballo ben feito destes dous irmáns deron lugar a unha empresa competitiva en continuo crecemento que a día de hoxe conta cunha nave no Polígono San Cibrao (Ourense) e tamén outra no Polígono de Bergondo (A Coruña).
O propietario da histórica farmacia santiaguesa Gómez-Ulla, Alejandro Gómez-Ulla (Santiago de Compostela), foi o terceiro galardoado ao representar á cuarta xeración á fronte do emblemático establecemento fundado a finais do século XIX. Deste xeito, a familia Gómez-Ulla leva máis dun século ao servizo dos compostelanos, afrontando numerosos retos durante este tempo, coma o salto dixital. Neste eido, cabe destacar que a farmacia Gómez-Ulla conta con máis de 34.000 seguidores en Instagram, situándose entre as farmacias españolas con maior repercusión nesta rede social.
O cuarto premio outorgóuselle a Adolfina Cabaleiro (1964, Marín), de Adega de Ardán, unha muller cunha vida e traxectoria que estiveron marcadas pola súa enteira dedicación ao mundo da viticultura e das bodegas. Aínda que Cabaleiro traballa no Hospital Montecelo, a súa ilusión era poder etiquetar o viño que se facía en casa de forma tradicional e levar a cabo o seu proxecto de formar unha bodega familiar que naceu en 2012 baixo o nome Adega de Ardán. Ademais, Adolfina Cabaleiro tamén creou Pilares de Belesar SLU tras mercar unha propiedade en ruínas cunha antiga bodega no lugar de Belesar, na Ribeira Sacra.
En quinto lugar entregámoslle o premio a María Eugenia Silva Tarela, da Cofradía de Raxó, unha muller que traballou durante 13 anos como tecedora ata que a crise a deixou sen traballo, malia isto Silva non se rendeu e entrou no mundo do marisqueo e da pesca, onde leva traballando 10 anos. Unha actividade moi dura que debido as sucesivas crise está a ser cada vez máis demandado e que, segundo algunha das persoas que se dedican a ela, “acaba xerando certo enganche”.
A seguinte premiada foi Minia Rodríguez García (1953), de Transportes RG, traballadora nun sector especialmente difícil para as mulleres. Esta galardoada comezou a traballar co seu pai dende moi nova transportando leite, servíndose dun burro e caldeiretas. Tal e como relata Minia, pouco a pouco e con moito esforzo e sacrificio conseguiu cambiar un burro por un coche e así foi como comezou a traballar para a cooperativa gandeira Feiraco, agora CLUN. En definitiva, un premio para unha muller que soubo adaptarse á perfección a pesar da complexidade dos tempos e dos cambios que foi experimentando o transporte. Minia, unha autónoma loitadora, agora deixa a súa empresa nas mans da súa filla, Cristina Guldrís.
A familia Ramírez, de Construcciones Ramírez, tamén recibiu un dos galardóns pola súa traxectoria familiar dedicada ao sector da construción durante os últimos 94 anos. Un premio que recae nunha familia, nunhas persoas que foron capaces de manter durante todo este tempo os mesmos valores e a mesma forma de traballar. Así, esta familia conseguiu que Construcciones Ramírez, especializada en obras de rehabilitación, edificación, construción industrial e obra civil, se convertese na construtora máis antiga do rexistro de contratistas da Xunta de Galicia.
Doutra banda, dende APE Galicia tamén quixemos facer un recoñecemento, a título póstumo, a Magín Froiz Planes (Huesca, 1943 – Pontevedra, 2022), pola súa traxectoria profesional e en agradecemento ao seu compromiso e colaboración coa nosa entidade. Froiz Planes foi o fundador do grupo de distribución alimenticia Distribuciones Froiz, que comezou cun pequeno supermercado no que Magín Froiz traballaba de carniceiro e que, a día de hoxe, é un dos máis relevantes de España, situado entre as primeiras vinte empresas do sector, con presencia en España e Portugal. Esta cadea conta con 336 puntos de venta e 6.200 traballadores.
En canto á mención especial, este ano dedicámoslla ao Consorcio Zona Franca de Vigo, unha institución que dende 1947 traballa para potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico, e sitúase como o principal promotor de infraestruturas empresariais, ao promover a innovación e o emprendemento e xestionar un volume de activos de 520 millóns de euros. Os seus seis parques empresariais (Balaídos, Bouzas e PTL en Vigo, A Granxa en Porriño, Porto do Molle en Nigrán e Plisan en Salvaterra-As Neves) contan con 8 millóns de metros cadrados.
Este emotivo e especial evento, que este ano congregou a máis de 200 persoas de toda Galicia no Hotel Carlos I en Sanxenxo, darlle a voz e o protagonismo a eses autónomos e autónomas que traballaron durante toda a súa vida para poder sacar a flote e adiante os seus negocios. APE Galicia traballa a diario para impulsar, defender e mellorar as condicións do traballo autónomo, un sector que, especialmente nos últimos anos, está a ser duramente golpeado polas sucesivas crises que atravesamos.
Ao Congreso asistiron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a deputada provincial de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana María Mejías Sacaluga, e demais autoridades. Ademais, tamén estiveron presentes autónomos e autónomas de toda Galicia; representantes das asociacións vinculadas a APE Galicia; alcaldes e representantes dos concellos do territorio galego; a xerente do IGAPE, Patricia Villajos Grande; a directora xeral de Relacións Laborais da Consellería do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Mancha; e a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; persoas coas que traballamos día a día para outorgarlle o mellor servicio ao colectivo autónomo, en canto a formación e emprego.