APE Galicia estivo presente no Pont Up Store cun stand institucional durante dúas xornadas marcadas polo emprendemento, as novas iniciativas empresariais e o contacto directo con autónomos e futuros emprendedores.
A participación da asociación comezou o venres coa apertura institucional do certame, ás 11.00 horas, na que estivo presente o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, acompañando o inicio dunha nova edición deste encontro de referencia para o ecosistema emprendedor.
Ao longo das dúas xornadas, desde o stand de APE Galicia atendéronse as consultas dos autónomos que se achegaron para solicitar información e asesoramento. O espazo recibiu tamén alumnado de Formación Profesional con interese e curiosidade por coñecer mellor o emprendemento como posible saída profesional.
Pensando precisamente neles, APE Galicia preparou unha actividade exprés de información sobre emprendemento, cun formato áxil e práctico para explicar cuestións básicas, recursos dispoñibles e primeiros pasos que convén coñecer cando se valora poñer en marcha unha idea de negocio.
A presenza no Pont Up Store permitiu tamén compartir xornada coa directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, aos que APE Galicia acompañou na súa visita aos diferentes stands participantes no certame.
O percorrido foi unha oportunidade para coñecer de primeira man os proxectos, produtos e servizos presentados nesta edición e, sobre todo, para conversar coas persoas que están detrás deles, escoitar as súas experiencias e achegarse á realidade de quen decidiu emprender.
Foron dous días intensos e moi gratificantes, de consultas, conversas e encontros con autónomos, estudantes e novos emprendedores.
Para APE Galicia, participar no Pont Up Store significa tamén exercer unha das súas funcións fundamentais: estar preto de quen emprende, escoitar as súas necesidades e ofrecer información, acompañamento e interlocución desde os primeiros pasos dun proxecto.