O presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, a xerente da entidade, María Sueiro, e a directora de Comunicación e Proxectos, Silvia Crespo, participaron esta mañá na reunión informativa convocada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo para analizar as principais obrigas que deben cumprir as empresas comerciais con páxina web de comercio electrónico.

Durante o encontro abordáronse os aspectos máis relevantes da infografía elaborada pola Xunta de Galicia, coa finalidade de aclarar dúbidas e facilitar a correcta aplicación da normativa en materia de protección das persoas consumidoras e usuarias no ámbito do comercio electrónico. Entre os asuntos tratados estiveron a información legal que debe ofrecer unha tenda en liña, a transparencia nos prezos, o proceso de contratación, os prazos de entrega e devolución, as garantías, a atención á clientela e os dereitos das persoas consumidoras.

Desde APE Galicia valoramos moi positivamente este tipo de encontros, que permiten trasladar de primeira man as inquedanzas do tecido comercial e coñecer con maior detalle as obrigas legais que afectan ás empresas que venden por internet.

A transformación dixital ofrece grandes oportunidades para o comercio, pero tamén require un coñecemento actualizado do marco normativo. Por iso, seguiremos colaborando coas administracións e trasladando ao colectivo autónomo e ás pequenas empresas información útil, práctica e rigorosa que lles axude a desenvolver a súa actividade con maiores garantías.