APE Galicia participou unha edición máis de O Encontro, unha cita xa consolidada como espazo de referencia para o diálogo, a reflexión e a análise dos grandes desafíos e oportunidades que marcarán o futuro de Galicia.

Nesta ocasión, a entidade tivo ademais un papel especialmente activo coa participación na moderación dunha das mesas de debate, unha experiencia que desde APE Galicia cualifican como “enriquecedora e inspiradora”.

A mesa contou coa participación de Manuel Abascal, de SABSEG; Rocío Cid de Marrón Glacé; e Ramón Alonso, de Café Candelas, nun diálogo centrado na realidade empresarial galega, os retos da competitividade e a necesidade de seguir impulsando a colaboración entre sectores.

Durante as distintas sesións celebradas ao longo do encontro abordáronse cuestións estratéxicas para o desenvolvemento socioeconómico da comunidade, como a optimización do sector agroalimentario, a economía circular, a captación e xestión do talento, a proxección internacional da industria pesqueira ou o impulso de infraestruturas fundamentais para o medio rural.

Desde APE Galicia destacan especialmente o valor destes espazos de conexión entre empresa, institucións e ámbito académico, fundamentais para crear sinerxías, compartir coñecemento e avanzar cara a un modelo de crecemento sólido, sostible e competitivo para Galicia.

A participación en O Encontro reforza o compromiso de APE Galicia co impulso do tecido empresarial galego e coa creación de redes de colaboración capaces de transformar os retos actuais en oportunidades de futuro.